Aguia,[1]Aiga[2] ou Aquila é unha das 48 constelacións listadas por Tolomeo, mencionada tamén por Eudoxo de Cnidos (século IV adC) e Arato (século III adC), e actualmente unha das 88 constelacións recoñecidas pola UAI. Tolomeo catalogou dezanove estrelas conxuntamente nesta constelación e na constelación de Antínoo, esta última xurdida durante o reinado de Hadriano (117 - 138). Ocupaba a parte sur da constelación actual de Aquila ata principios do século XIX cando foi descartada.
Nesta constelación apareceron varias novas importantes. Unha delas, no ano 389, alcanzou o brillo de Venus, e máis recentemente Nova Aquilae 1918, superou en brillo a Altair (α Aquilae).
Na mitoloxía grega a constelación representaba a aguia, único animal que é capaz de voar de cara ós raios do sol. Foi enviada por Zeus a que levara o mozo e fermoso Ganímedes ó Monte Olimpo para servir de copeiro dos deuses. Segundo outras versións, foi o mesmo Zeus o que se transformou en aguia.
No hinduísmo, a constelación de Aquila identificase coa deidade, metade aguia e metade humana, de Garuda.