Saltar ao contido

Active Magnetospheric Particle Tracer Explorers

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Charge Composition Explorer»)
Active Magnetospheric Particle Tracer Explorers
Imaxe
 Instancia de
 Parte de
Características
 Astro pai
Datas
 Lanzamento
16 de agosto de 1984 Editar o valor en Wikidata
Historia
 Acontecementos importantes
Localización
 Lugar de saída
Cifras e dimensións
 Apoapse
   119.000 km Editar o valor en Wikidata
 Periastro
   557 km Editar o valor en Wikidata
Wikidata

Active Magnetospheric Particle Tracer Explorers ou AMPTE foi unha misión espacial internacional consistente en tres satélites artificiais adicados ó estudo da interacción entre os ións do vento solar e a magnetosfera terrestre, ó transporte difusivo-convectivo, á enerxización das partículas da magnetosfera e á interacción de plasmas no espazo. Os tres foron lanzados a bordo dun foguete Delta 3924 desde o Centro Espacial Kennedy o 16 de agosto de 1984.[1][2][3][4][5]

Características

[editar | editar a fonte]

A misión estaba composta por tres satélites: CCE (Charge Composition Explorer), proporcionado pola NASA; IRM (Ion Release Module), proporcionado pola República Federal de Alemaña; e UKS (United Kingdom Subsatellite), proporcionado polo Reino Unido.[3]

CCE (Charge Composition Explorer) adicábase a detectar ións traza de litio e bario liberados desde o IRM e que eran transportados pola magnetosfera ata a órbita do CCE. O satélite estabilizábase por xiro a 10 revolucións por minuto, co eixo de rotación contido no plano ecuatorial. A nave utilizaba unha cinta cunha capacidade de 2x108 bits como medio de almacenamento de datos. Dispoñía de transpondedores en banda S cunha potencia de 2,5 vatios. A alimentación eléctrica procedía dun panel solar que xeraba 140 vatios de electricidade. O satélite empezou a fallar a principios de 1989, perdéndose o contacto o 12 de xullo dese mesmo ano.[1][3]

Levaba cinco instrumentos a bordo:[6]

  • Experimento de composición do plasma quente (Hot Plasma Composition Experiment, HPCE).
  • Analizador de partículas de enerxía media (Medium Energy Particle Analyzer, MEPA).
  • Espectrómetro de carga-masa-enerxía (Charge-Energy-Mass Spectrometer,CHEM).
  • Experimento de ondas de plasma (Plasma Wave Experiment, PWE).
  • Magnetómetro.

IRM (Ion Release Module) era a parte da misión construída por Alemaña e tiña a función de soltar gases cunha composición determinada que eran ionizados e detectados tanto por CCE como por UKS para estudia-lo comportamento no interior da magnetosfera e na magnetocola, así como a súa interacción co vento solar. O satélite estabilizábase mediante xiro a 15 revolucións por minuto, co eixo de xiro inicialmente no plano da eclíptica para posteriormente ser axustado a ángulos rectos con respecto daquel plano. A enerxía proporcionábaa un panel solar que produdcía 60 vatios de potencia e baterías redundantes. Dispoñía dun sistema de telemetría en banda S, podendo transmitir a 1 ou 8 kbps en frecuencias de 2103,64375 MHz (subida) e 2284,50 MHz (baixada).[4][7][8]

O satélite deixou de funcionar o 14 de agosto de 1986. Levaba os seguintes instrumentos:[8]

  • Experimento de solta de ións.
  • Magnétometro triaxial de porta de fluxo, cun rango de medicións entre 0,1 e 60 000 nT e entre 3 50 Hz.
  • Analizador de plasma tridimensional de 30 canais para electróns de entre 14 eV e 30 keV e ións de entre 20 eV/q e 40 keV/q.
  • Espectrómetro de masas para separación de ións.
  • Espectrómetro de ondas de plasma de 64 canales.
  • Analizador de cargas iónicas de enerxía supratermal.

Inicialmente IRM foi inxectado nunha órbita de 44,2 horas de período, unha inclinación orbital de 28,7 graos, un apoxeo de 119 268 km e un perixeo de 550 km. Debido ó baixo perixeo, o satélite reentrou na atmosfera o 8 de decembro de 1987.[2][7]

UKS (United Kingdom Subsatellite) era un subsatélite do IRM e foi inxectado nunha órbita inicial cun período de 44,25 horas, unha inclinación orbital de 28,696 graos, un apoxeo de 121 047,5 km e un perixeo de 6885,5 km.[9] A súa función era axudar a distinguir entre a estrutura espacial e os cambios temporais no plasma despois da liberación de ións por parte de IRM. As medicións eran similares ás de IRM e incluían campos magnéticos, ións positivos e electróns, ondas de plasma e modulacións nos fluxos de ións e electróns. O satélite estabilizábase mediante xiro a 12 revolucións por minuto e utilizaba a banda S nas súas comunicacións. Dispoñía dun sistema de propulsión mediante gas frío e un radar de VHF para permanecer a unha distancia relativamente curta de IRM, duns poucos centos de quilómetros. A alimentación eléctrica do satélite fallou o 15 de xaneiro de 1985 e reentrou na atmosfera o 8 de decembro de 1988.[3][5][10][11]

O satélite levaba os seguintes instrumentos:[11]

  • Analizador de modulación de partículas.
  • Analizador tridimensional de electróns.
  • Analizador tridimensional de ións.
  • Magnetómetro triaxial.
  • Espectrómetro de ondas de plasma.
  1. 1 2 NASA (8 de xullo de 2011). "AMPTE/CCE" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 19 de setembro de 2011. Consultado o 30 de xullo de 2011.
  2. 1 2 "Note verbale dated 11 December 1984 from the Permanent Representative of the Federal Republic of Germany to the United Nations addressed Secretary-General" (PDF). COMMITTEE ON THE PEACEFUL USES OF OUTER SPACE (84-34171). 26 de decembro de 1984. Consultado o 30 de xullo de 2011.
  3. 1 2 3 4 Mark Wade (2011). "AMPTE" (en inglés). Consultado o 30 de xullo de 2011.
  4. 1 2 NASA (8 de xullo de 2011). "AMPTE/IRM" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2011. Consultado o 30 de xullo de 2011.
  5. 1 2 NASA (8 de xullo de 2011). "AMPTE/UKS" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 25 de outubro de 2011. Consultado o 30 de xullo de 2011.
  6. ↑ Gunter Dirk Krebs (2011). Gunter's Space Page, ed. "Explorer: CCE (AMPTE 1)" (en inglés). Consultado o 30 de xullo de 2011.
  7. 1 2 N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "IRM 1 (AMPTE)" (en inglés). Consultado o 1 de agosto de 2011.
  8. 1 2 Gunter Dirk Krebs (2011). Gunter's Space Page, ed. "IRM (AMPTE 3)" (en inglés). Consultado o 1 de agosto de 2011.
  9. ↑ "Note verbale dated 9 August 1985 from the Permanent Representative of the United Kingdom of Great Britain and Northern Ireland to the United Nations addressed Secretary-General". COMMITTEE ON THE PEACEFUL USES OF OUTER SPACE (85-23413). 21 de agosto de 1985. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de setembro de 2014. Consultado o 2 de agosto de 2011.
  10. ↑ N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "UKS 1 (AMPTE)" (en inglés). Consultado o 2 de agosto de 2011.
  11. 1 2 Gunter Dirk Krebs (2011). Gunter's Space Page, ed. "UKS (AMPTE 2)" (en inglés). Consultado o 2 de agosto de 2011.