Discapacidade
| Discapacidade | |||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| Wikidata C:Commons | |||||||||||||

Dise que unha persoa ten unha discapacidade[1] física ou mentalmente se ten unha función básica limitada respecto da media ou anulada por completo. O Día Mundial celébrase o 3 de decembro.
A discapacidade é un vocábulo que abrangue disfuncións, limitación na actividade e restricións na participación. Unha disfunción é un problema na función ou estrutura corporal; unha limitación na actividade é unha dificultade que atopa un individuo para executar unha tarefa ou acción; restrición na participación é un problema experimentado por un individuo no desenvolvemento das situacións da vida. A discapacidade é entón non só un problema de saúde. É un fenómeno complexo que reflicte a interacción entre as características do corpo dunha persoa e as da sociedade en que vive.Organización Mundial da Saúde Disabilities [2]
A discapacidade é un concepto discutido, con diferentes significados en conmunidades diferentes.[3] Pode empregarse para referirse a atributos físicos ou mentais que algunhas institucións, particularmente sanitarias, ven que necesitan ser arranxadas (modelo médico). Pode referirse a limitacións impostas sobre as persoas mediante as restricións da capacidade (modelo social). Pode servir para referirse á identidade das persoas con discapacidade. Segundo a Organización Mundial da Saúde, uns 1.300 millóns de persoas, arredor do 16% da poboación mundial, viven na actualidade cunha discapacidade significativa, unha cifra en aumento polo crecemento das enfermidades non transmisibles e o alongamento da vida.[4]
A discusión sobre a definición de discapacidade xorde do activismo da discapacidade nos Estados Unidos e no Reino Unido na década de 1970, que desafiou o concepto médico de discapacidade. Os debates sobre a terminoloxía e as súas implicacións políticas continúan mesmo no campo dos estudos da discapacidade. Nalgúns países, a lei require que as discapacidades se documenten por un provedor de asistencia médica para acceder a beneficios.
Historia
[editar | editar a fonte]
O entendemento contemporáneo da discapacidade deriva de conceptos que xorden durante a Ilustración científica de occidente; antes desta época, as diferenzas físicas víanse dende prismas diferentes.
Durante a Idade Media, a tolemia e outras condicións pensábanse que eran causadas por demos. Tamén se consideraban parte da orde natural, especialmente durante as pragas, que orixinaban disfuncións na poboación xeral.[5] No comezo da Idade Moderna houbo un movemento de procura de causas biolóxicas para as diferenzas físicas e mentais e aumentou o interese en crear categorías: por exemplo, Ambroise Pare, no século XVI, falou de "monstros", "prodixios" e "lisiados".[6] A énfase da Ilustración no coñecemento derivado da razón e da valoración das ciencias naturais no progreso humano axudou ao nacemento de institución e sistemas de coñecemento que observaban e categorizaban os seres humanos; entre elas algunhas significativas para o desenvolvemento do concepto actual de discapacidade, como asilos, clínicas e prisións.[5]
O concepto actual de discapacidade ten a súa raíz nos séculos XVIII e XIX. Nese momento desenvolvéronse disertacións médicas que converteron o corpo humano nun obxecto que se pode manipular, estudar e transformar. Isto combinouse co desenvolvemento científico que buscaba clasificar e categorizar, atopando métodos de normalización.[7] O concepto de "norma" desenvolveuse neste tempo, sinalándose na obra do estatístico francés Alphonse Quetelet, que escribiu da década de 1830 L'homme moyen. Quetelet postulou que se podían tomar a suma de todas as características de todos os individuos nunha poboación dada (como altura ou peso) e atopar a súa media, calculando así o número que serviría de norma á que se debería chegar. Esta idea de norma estatística dispersouse polas reunións estatísticas nos Estados Unidos e Europa occidental neste períoso e vencellouse ao aumento da euxénese. A discapacidade e conceptos como anormalidade, subnormalidade e normalidade proveñen de aí.[8] A circulación destes conceptos foi evidente nos freak show, onde os xefes dos espectáculos beneficiábanse exhibindo persoas que se desviaban destas normas.[9] Na historia moderna e contemporánea, a discapacidade foi vista con frecuencia como produto do incesto.[10]
Co aumento da euxenia a finais do século XIX estas desviacións víronse como perigosas para a saúde de poboacións enteiras. Coa discapacidade vista como parte da bioloxía persoal e polo tanto da súa herdanza xenética, os científicos volveron a súa atención a conceptos como "desviación". Avaliacións de medidas de saúde persoal empregáronse para deportar, esterilizar ou ingresar aqueles que non se axustaban. Ao final da segunda guerra mundial, co exemplo da euxénese nazi, este concepto desapareceu do discurso público, e a discapacidade converteuse nunha serie de características que a medicina podía atender mediante rehabilitación ou tratamento.
A principios da década de 1970 os activistas da discapacidade comezaron a desafiar a forma en que a sociedade trataba a xente con discapacidade, así como o achegamento médico á discapacidade. Grazas a este traballo identificáronse barreiras de acceso, condicións que os inhabilitaban. Isto deu lugar ao modelo social de discapacidade (a sociedade que limita unha persoa precisa ser arranxada), expresión cuñada por Mike Oliver en 1983, e que se diferenza do modelo médico da discapacidade (unha disfunción precisa ser arranxada).[11]
Teoría
[editar | editar a fonte]A International Classification of Functioning, Disability and Health (ICF), da Organización Mundial da Saúde, distingue entre funcións corporais (fisiolóxicas ou psicolóxicas, como a visión) e estruturas corporais (partes anatómicas, como o ollo). A disfunción nunha estrutura ou función defínese como unha anomalía, defecto, perda ou outra desviación significativa de certos estándares aceptados da poboación, que poden flutuar no tempo. A actividade defínese como a execución dunha tarefa ou acción. A ICF lista nove dominios de funcionamento que poden ser afectados:
- Aprendizaxe e aplicación do coñecemento
- Tarefas e esixencias xerais
- Comunicación
- Mobilidade física básica
- Relacións e interaccións interpersoais
- Comunidade e vida cívica e social, incluíndo o emprego
- Outras áreas da vida
Modelos de discapacidade
[editar | editar a fonte]A forma de entender a discapacidade foi cambiando ao longo da historia e propuxéronse diferentes modelos conceptuais para explicala.
Modelo médico
[editar | editar a fonte]Antes da formulación do modelo médico, predominara o chamado modelo de prescindencia, no que a resposta habitual era a exclusión das persoas con discapacidade, fose por compaixón, temor ou rexeitamento.[12] O modelo médico é a denominación que a literatura especializada dá ao enfoque que interpreta a discapacidade como unha situación de enfermidade ou ausencia de saúde: as persoas son consideradas enfermas e deben someterse a tratamentos de rehabilitación para se equipararen, na medida do posible, ás demais persoas do seu contorno (Toboso e Guzmán, 2009).[12] Segundo Tom Shakespeare (2006), este modelo baséase nunha ideoloxía que tende a reducir os problemas das persoas con discapacidade a temas de prevención médica, cura ou rehabilitación,[13] e unha das principais críticas que recibe é que tende a patoloxizar as persoas ao centrarse unicamente na condición médica.[12] Malia que na actualidade prevalecen outros enfoques, o modelo médico segue presente nos discursos e nas representacións sociais da discapacidade, por exemplo nos medios de comunicación.[13]
Modelo social
[editar | editar a fonte]O modelo social non contempla a discapacidade como un problema individual, senón como unha condición cuxas limitacións son ocasionadas en gran medida polas barreiras físicas, actitudinais ou de comunicación que levanta a sociedade, como a falta de coñecementos, as actitudes negativas ou as prácticas discriminatorias.[4] Dende esta perspectiva, a intervención sobre a discapacidade require a acción social e é responsabilidade colectiva da sociedade facer as modificacións ambientais necesarias para a participación plena das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da vida.[11]
Modelo biopsicosocial
[editar | editar a fonte]O modelo biopsicosocial, no que se inspira a Clasificación Internacional do Funcionamento, da Discapacidade e da Saúde (CIF) da Organización Mundial da Saúde, considera a discapacidade como o resultado da interacción entre condicións de saúde (como a demencia, a cegueira ou as lesións medulares) e unha serie de factores ambientais e persoais.[4] A CIF, aprobada polos 191 Estados membros da OMS en 2001, é o marco da OMS para medir a saúde e a discapacidade nos niveis individual e poboacional e, como o funcionamento dun individuo ocorre nun contexto, inclúe tamén unha lista de factores ambientais.[14]
Modelo dos dereitos humanos
[editar | editar a fonte]O modelo dos dereitos humanos recoñece que todas as persoas, independentemente da súa discapacidade, teñen dereitos humanos que deben ser respectados. O artigo 12 da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade establece que os Estados recoñecerán que as persoas con discapacidade son iguais que as demais ante a lei.[15]
Diversidade funcional
[editar | editar a fonte]Co fin de eliminar as connotacións negativas, propuxéronse denominacións alternativas para o colectivo, como «persoas con capacidades diferentes» ou persoas con diversidade funcional. Organizacións de persoas con discapacidade lembran con todo que a forma recomendada é «persoa con discapacidade», pois pon en primeiro lugar a persoa e a discapacidade é só unha das súas características.[16]
Tipos de discapacidade
[editar | editar a fonte]Existe debate sobre cales son os tipos de discapacidade, por tratarse dun colectivo moi heteroxéneo.[17] Algúns dos tipos máis comúns son:
- Física ou motriz: a perda ou limitación, por enfermidade ou accidente, da capacidade de realizar actividades físicas e motoras como camiñar ou mover os brazos, as mans ou os pés, de maneira temporal ou indefinida. Exemplos: a distrofia muscular ou a espiña bífida.[18]
- Orgánica ou visceral: a producida pola perda de funcionalidade dalgúns sistemas corporais, relacionados cos órganos internos e cos procesos fisiolóxicos e neurolóxicos, de forma conxénita ou adquirida. Un exemplo é a enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC).[19]
- Sensorial: a producida pola limitación ou deficiencia das capacidades sensoriais, como a perda da vista (discapacidade visual) ou a perda ou limitación do oído (discapacidade auditiva).[20]
- Psíquica: a relacionada coas actividades propias da mente e do sistema cognitivo, por enfermidade, síndrome, trastorno ou accidente.[21] Divídese á súa vez en:
- Intelectual ou mental: limitacións e dificultades na aprendizaxe e no desenvolvemento intelectual, como no caso do síndrome de Down.[22]
- Psicosocial: a que deriva dunha enfermidade mental, como a depresión ou a bipolaridade.[23]
Tamén se adoita distinguir a discapacidade de fala ou linguaxe.
Discapacidade intelectual
[editar | editar a fonte]Criterios de identificación
[editar | editar a fonte]A consideración de discapacidade intelectual require da coexistencia de tres criterios relacionados entre si:
- Existencia dun funcionamento intelectual significativamente inferior á media;
- Presenza de dificultades en dous ou máis habilidades adaptativas;
- que a súa manifestación se dera antes dos 18 anos.
Causas
[editar | editar a fonte]- Factores xenéticos, coma no caso do síndrome de Down, é dicir trisomía do cromosoma 21.
- Erros conxénitos do metabolismo, coma a fenilcetonuria.
- Alteracións do desenvolvemento embrionario, nas que se inclúen as lesións prenatais.
- Problemas prenatais, relacionados co momento do parto.
- Enfermidades infantís, que poden ir desde unha infección grave a un traumatismo.
- Graves déficits ambientais, nos que non existen condicións axeitadas para o desenvolvemento cognitivo, persoal e social.
Accesibilidade e tecnoloxías de apoio
[editar | editar a fonte]
A accesibilidade é o grao en que todas as persoas poden utilizar un obxecto, visitar un lugar ou acceder a un servizo, independentemente das súas capacidades técnicas, cognitivas ou físicas. A Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade obriga aos Estados a garantir o acceso en igualdade de condicións ao medio físico, ao transporte, á información e ás comunicacións, incluídas as tecnoloxías da información e a comunicación.[15]
Tecnoloxías de apoio
[editar | editar a fonte]Chámase tecnoloxía de apoio a todo tipo de equipo, obxecto, sistema, produto ou servizo que se pode empregar para suplir, aumentar, manter ou mellorar as capacidades funcionais das persoas con discapacidade, xa sexa motriz, sensorial ou cognitiva, facilitando a vida independente; a norma internacional UNE-EN ISO 9999 define e clasifica estes produtos de apoio para persoas con discapacidade.[24] Algúns exemplos son o bastón branco, o andador, a cadeira de rodas, as muletas ou os cans de asistencia. As novas tecnoloxías ampliaron ademais os recursos dispoñibles ao servizo da discapacidade, por exemplo para mellorar a inclusión laboral das persoas con discapacidade.[25]
Ruta accesible
[editar | editar a fonte]
No deseño do espazo público urbanizado e dos edificios, chámase ruta ou itinerario accesible ao percorrido continuo e libre de obstáculos que garante o uso e a circulación segura, cómoda e autónoma de todas as persoas, tanto en horizontal como en vertical; na normativa española, as condicións técnicas dos itinerarios peatonais accesibles fíxanse na Orden TMA/851/2021.[26]
| Tipos e elementos | |
|---|---|
| En circulacións horizontais | En circulacións verticais |
| Pisos e patios | Rampas |
| Guías no chan para a condución de persoas con discapacidade visual | Ascensores e plataformas (para cadeira de rodas) |
| Corredores | |
Nas circulacións verticais, os desniveis do itinerario accesible sálvanse con rampas ou con medios de elevación como os ascensores; as escaleiras non forman parte do itinerario accesible, senón que se consideran elementos complementarios que se dispoñen contiguos ou próximos ás rampas ou ascensores como alternativa de paso para as persoas que poden utilizalas.[26]
Tecnoloxías da información e a comunicación
[editar | editar a fonte]No eido de Internet, o World Wide Web Consortium (W3C) elaborou, a través da súa Web Accessibility Initiative, directrices e estándares internacionais sobre a accesibilidade dos contidos na web.[27] O deseño universal ou deseño para todos busca que os contornos, produtos e servizos poidan ser empregados por todas as persoas na maior medida posible, sen necesidade de adaptacións nin dun deseño especializado. Os sete principios do deseño universal foron desenvoltos en 1997 por un grupo de traballo de arquitectos, deseñadores e enxeñeiros dirixido por Ronald Mace na Universidade Estatal de Carolina do Norte.[28]
- Uso equitativo: que os contornos poidan ser usados por persoas con distintas capacidades físicas.
- Uso flexible: que os contornos se acomoden a un amplo rango de preferencias e habilidades individuais.
- Uso sinxelo e intuitivo: que os contornos sexan fáciles de entender, independentemente da experiencia, os coñecementos ou as habilidades lingüísticas do usuario.
- Información perceptible: que os contornos transmitan a información necesaria ao usuario de forma efectiva, sen importar as condicións ambientais ou as súas capacidades sensoriais.
- Tolerancia ao erro: que os contornos minimicen os riscos e as consecuencias adversas de accións involuntarias ou accidentais.
- Mínimo esforzo físico: que os contornos poidan ser usados cómoda e eficientemente minimizando a fatiga.
- Tamaño e espazo axeitados: que os compoñentes proporcionen un tamaño e un espazo adecuados para a aproximación, o alcance e o uso, independentemente do tamaño corporal, a postura ou a mobilidade do usuario.
Dereitos das persoas con discapacidade
[editar | editar a fonte]En 1999, a Asemblea Xeral da Organización dos Estados Americanos aprobou a Convención Interamericana para a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra as Persoas con Discapacidade, que establece no seu artigo 1 que:
O termo «discriminación contra as persoas con discapacidade» significa toda distinción, exclusión ou restrición baseada nunha discapacidade, antecedente de discapacidade, consecuencia de discapacidade anterior ou percepción dunha discapacidade presente ou pasada, que teña o efecto ou propósito de impedir ou anular o recoñecemento, goce ou exercicio por parte das persoas con discapacidade dos seus dereitos humanos e liberdades fundamentais.[29]
O 13 de decembro de 2006, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas adoptou en Nova York a Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, que entrou en vigor o 3 de maio de 2008.[15] Coa súa adopción converteuse no primeiro tratado de dereitos humanos do século XXI; na súa apertura á sinatura, en 2007, estimábase que beneficiaría as cerca de 650 millóns de persoas con discapacidade que había entón no mundo.[30] Na actualidade, a Organización Mundial da Saúde calcula que o 16% da poboación mundial vive cunha discapacidade significativa.[4]
Na Convención establécese que todas as persoas teñen dereitos que deben ser respectados, entre eles:
- O dereito á vida.
- O dereito á autonomía.
- O dereito á non discriminación e á participación na sociedade.
- O dereito á igualdade de oportunidades.
- O dereito á accesibilidade.
- O dereito á seguridade da propia persoa.
- O dereito ao recoñecemento como persoa ante a lei e a igualdade perante a xustiza.
- O dereito á liberdade de expresión.
- O dereito á liberdade de circulación.
- O dereito a unha nacionalidade.
- O dereito ao traballo en igualdade de condicións.
- O dereito ao respecto da privacidade.
- O dereito a contraer matrimonio e a fundar unha familia.
- O dereito á saúde.
- O dereito a un nivel axeitado de protección social.
- O dereito á educación.
- O dereito a unha vida digna.[15]
Os países asinantes da Convención deben adoptar novas leis nacionais e retirar as antigas, de modo que as persoas con discapacidade teñan, por exemplo, os mesmos dereitos á educación, ao emprego e á vida cultural.[15]
Dereitos por país
[editar | editar a fonte]Arxentina
[editar | editar a fonte]Na Arxentina, os dereitos das persoas con discapacidade están estabelecidos na lei 26.378, que ratifica a Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade e ten xerarquía constitucional, polo que non pode ser modificada ou derrogada por maioría simple.[31] O Certificado Único de Discapacidade (CUD) é o documento que certifica a discapacidade da persoa e lle permite acceder aos servizos e prestacións previstos.[32]
México
[editar | editar a fonte]En México, a Lei Federal para Prevenir e Eliminar a Discriminación, publicada no Diario Oficial da Federación o 11 de xuño de 2003, ten por obxecto previr e eliminar todas as formas de discriminación, entre elas a motivada pola discapacidade, e crea o Consello Nacional para Previr a Discriminación, encargado de formular políticas e de atender as queixas por condutas discriminatorias.[33] A Suprema Corta de Xustiza da Nación emitiu en 2014 un Protocolo de Actuación para quen imparten xustiza en casos que involucren dereitos de persoas con discapacidade, que establece principios como o abordaxe da discapacidade dende o modelo social e de dereitos humanos, a maior protección dos dereitos das persoas con discapacidade (principio pro persona), a igualdade e a non discriminación, a accesibilidade, o respecto pola dignidade inherente e a autonomía individual e a participación e inclusión plenas e efectivas na sociedade.[34]
España
[editar | editar a fonte]En España, o procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade regulouse durante décadas polo Real Decreto 1971/1999, do 23 de decembro, derrogado con efectos do 20 de abril de 2023 polo Real Decreto 888/2022, do 18 de outubro, vixente na actualidade.[35][36]
A Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade (LIONDAU), tiña por obxecto establecer medidas para garantir e facer efectivo o dereito á igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade; foi derrogada polo Real Decreto Lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aprobou o Texto Refundido da Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e a súa inclusión social.[37][38] En 2011, a Lei 26/2011, do 1 de agosto, adaptou a normativa española á Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade.[39] En 2019, incoouse o expediente para declarar as linguas de signos en España manifestación representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial.[40]
Perú
[editar | editar a fonte]No Perú, a Lei 29973, Lei Xeral da Persoa con Discapacidade, é a norma central dos dereitos das persoas con discapacidade, e inclúe disposicións como unha cota de emprego e o outorgamento de axustes razoables no posto de traballo.[41]
Deportes adaptados
[editar | editar a fonte]
Os Xogos Paralímpicos teñen lugar despois dos Xogos Olímpicos de verán e inverno. Os xogos inclúen atletas cun amplo rango de discapacidade. Existen organizacións nos países membros para formar competicións de xogos paralímpicos en niveis que van dende o lecer ata o deporte profesional. Os xogos desenvolvéronse a partir do programa de rehabilitación para veteranos de guerra británicos con lesións medulares. En 1948, Sir Ludwig Guttmann, neurólogo que traballaba con veteranos da segunda guerra mundial no Hospital Stoke Mandeville en Aylesbury, comezou a empregar o deporte como parte da rehabilitación dos seus pacientes.
En 2006 creáronse os Extremity Games para que xente con discapacidades físicas, especialmente perda ou diferenza nas extremidades, puidese competir en deportes extremos.[42]
Discapacidade e sociedade
[editar | editar a fonte]Sexualidade
[editar | editar a fonte]As persoas con discapacidade poden experimentar o desexo sexual e expresar a súa sexualidade de diversas maneiras, aínda que adoita asumirse erroneamente, como idea preconcebida, que son seres asexuados ou non sexualmente activos; aínda que algunhas persoas con discapacidade son asexuais, é un erro xeneralizar. No discurso público sobre sexualidade e discapacidade predominan temas como a desviación, o comportamento inapropiado, o abuso e a victimización, mentres falta un discurso do pracer, a pesar de que o pracer sexual é importante para a calidade de vida das persoas, incluídas as que teñen, por exemplo, unha lesión medular.[43]
Representación mediática
[editar | editar a fonte]Aínda que o modelo social é o enfoque para pensar a discapacidade que conta con maior aceptación institucional, no discurso dos medios de comunicación e no imaxinario social continúan sendo predominantes as concepcións relacionadas co modelo médico.[13] Nun estudo sobre a representación mediática das persoas con discapacidade nos xornais mexicanos detectáronse como trazos predominantes:[13]
- O paternalismo, é dicir, a idea de que o goberno é o responsable principal dos problemas deste colectivo e o actor encargado de resolvelos, cun trato asistencialista en lugar dun recoñecemento conforme a dereitos e obrigas.
- A representación das persoas con discapacidade como suxeitos necesitados de axuda e incapaces de resolver os seus problemas.
- Solucións relacionadas coa participación de institucións de socialización alternativas, como institucións asistenciais ou escolas de educación especial, que resultan con todo pouco inclusivas.
- Comportamentos e personaxes estereotipotados, en especial ao representar personaxes con autismo.
Prexuízos e capacitismo
[editar | editar a fonte]En varias culturas existen prexuízos arredor das persoas con discapacidade, reunidos baixo o termo capacitismo: prexuízos, estereotipos negativos, crenzas, prácticas de exclusión e actitudes negativas cara ás persoas con discapacidade, que van desde as barreiras arquitectónicas e de accesibilidade ata actitudes condescendentes e de sobreprotección, e cuxo estigma se traduce nunha discriminación que obstaculiza o acceso aos seus dereitos.[12] Algúns destes prexuízos crearon mitos difundidos, por exemplo:[44]
- Que as persoas con discapacidade están enfermas e necesitan ser curadas para formar parte da sociedade.
- Que non poden aprender debido ás súas limitacións, ou que son todas iguais e aprenden igual.
- Que non poden traballar, emprender ou ter a súa propia empresa.
- Que a accesibilidade existe só para as persoas con discapacidade.
- Que non utilizan Internet nin a tecnoloxía.
- A infantilización, tratándoas como se fosen nenos independentemente da súa idade.
Discapacidade no cinema
[editar | editar a fonte]O cinema reflectiu de múltiples formas a discapacidade, a maioría das veces desde o punto de vista das persoas sen discapacidade.[45] Nun estudo de 2002, Olga María Alegre de la Rosa repasou a historia do cinema e clasificou a representación da discapacidade na gran pantalla en sete etapas, desde os inicios do cinematógrafo ata os anos noventa.[45] Entre os exemplos analizados figuran as películas de Charlot dos anos dez do século XX, os filmes arredor do monstro de Frankenstein, comedias como Young Frankenstein e títulos dos anos noventa como Fried Green Tomatoes (1991).[45]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para discapacidade.
- ↑ World Health Organization (ed.). "Disabilities". Consultado o 28-10-2016.
- ↑ Linton, Simi (1998). New York University Press, ed. Claiming Disability: Knowledge and Identity. Nova York.
- 1 2 3 4 "Discapacidad y salud". Organización Mundial da Saúde (en castelán). Consultado o 2026-11-02.
- 1 2 Braddock, David, and Susan Parrish, "An Institutional History of Disability," in Handbook of Disability Studies, ed. Gary Albrecht, Katherine Seelman, and Michael Bury (Thousand Oaks, Calif.: Sage, 2001).
- ↑ Stiker, Henri (2000). A History of Disability. Ann Arbor, Michigan: University of Michigan Press. p. 91.
- ↑ Foucault, Michel (1980). The History of Sexuality, vol. 1. New York: Vintage.
- ↑ Davis, Lennard. "Constructing Normalcy." In his Enforcing Normalcy: Disability, Deafness, and the Body (Nova York: Verso, 1995), pp. 23–49.
- ↑ Bogdan, Robert (1998). Freak Show: Presenting Human Oddities for Amusement and Profit.
- ↑ Barlow, Kathleen (2006). "Inbreeding, Incest, and the Incest Taboo: The State of Knowledge at the Turn of the Century". American Anthropologist 108 (2): 447–448. doi:10.1525/aa.2006.108.2.447.
- 1 2 Shakespeare, Tom. "The Social Model of Disability." In The Disability Studies Reader, ed. Lennard Davis (New York: Routledge, 2006, 2d ed.), 197–204.
- 1 2 3 4 Uribe Acosta, Dulce María del Carmen (2024). Universidade Nacional Autónoma de México, ed. "Capacitismo e Intervenciones Psicológicas. Reporte de investigación teórica" (en castelán). Consultado o 2026-11-02.
- 1 2 3 4 Garín Montes, Martha; Rodelo Amezcua, Frida Viridiana (2019). "Absueltos y oprimidos: representaciones mediáticas de las personas con discapacidad en México". Mediaciones (en castelán) 15 (22): 23–42.
- ↑ "International Classification of Functioning, Disability and Health (ICF)". Organización Mundial da Saúde (en inglés). Consultado o 2026-11-02.
- 1 2 3 4 5 "Instrumento de Ratificación da Convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade, feito en Nova York o 13 de decembro de 2006". Boletín Oficial del Estado (en castelán). Consultado o 2026-11-02.
- ↑ "Cómo se dice: Discapacitado, persona con discapacidad o con capacidades diferentes". ASDRA (en castelán). 2015-11-27. Consultado o 2026-11-02.
- ↑ "Los 6 tipos de discapacidad y sus características". Psicología y Mente (en castelán). 2018-08-16. Consultado o 2026-11-02.
- ↑ "Discapacidad física". PREDIF (en castelán). Consultado o 2026-11-02.
- ↑ "Todo lo que necesitas saber sobre Discapacidad Visceral". Incluyeme.com (en castelán). Consultado o 2026-11-02.
- ↑ "Características y tipos de discapacidad". Divulgación Dinámica (en castelán). 2020-03-02. Consultado o 2026-11-02.
- ↑ "Discapacidad psíquica: qué es y tipos". Fundación Caser (en castelán). Consultado o 2026-11-02.
- ↑ "Qué es discapacidad intelectual". Plena inclusión (en castelán). 2015-02-05. Consultado o 2026-11-02.
- ↑ "Discapacidad psicosocial". Plena inclusión (en castelán). Consultado o 2026-11-02.
- ↑ "Las ayudas técnicas ya no existen". Blog do Ceapat, Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso) (en castelán). 2021-08-24. Consultado o 2026-11-02.
- ↑ "Las nuevas tecnologías al servicio de la discapacidad". Fundación Adecco (en castelán). 2015-07-13. Consultado o 2026-11-02.
- 1 2 "Orden TMA/851/2021, de 23 de julio, por la que se desarrolla el documento técnico de condiciones básicas de accesibilidad y no discriminación para el acceso y la utilización de los espacios públicos urbanizados". Boletín Oficial del Estado (en castelán). 2021-08-06. Consultado o 2026-11-02.
- ↑ "Accessibility Principles". Web Accessibility Initiative, W3C (en inglés). Consultado o 2026-11-02.
- ↑ "The 7 Principles". Centre for Excellence in Universal Design (en inglés). Consultado o 2026-11-02.
- ↑ "Convención Interamericana para la Eliminación de Todas las Formas de Discriminación contra las Personas con Discapacidad". Organización dos Estados Americanos (en castelán). Consultado o 2026-11-02.
- ↑ "Convención sobre Derechos de Discapacitados reúne más de 70 firmas durante su apertura". Noticias ONU (en castelán). 2007-03-30. Consultado o 2026-11-02.
- ↑ "Derechos de las personas con discapacidad". Argentina.gob.ar (en castelán). 2019-07-12. Consultado o 2026-11-02.
- ↑ "Cómo obtener el Certificado Único de Discapacidad (CUD)". Argentina.gob.ar (en castelán). 2018-02-14. Consultado o 2026-11-02.
- ↑ Cámara de Deputados do Honorable Congreso da Unión, ed. (2003). "Ley Federal para Prevenir y Eliminar la Discriminación" (PDF) (en castelán). Consultado o 2026-11-02.
- ↑ Suprema Corte de Justicia de la Nación, ed. (2014). "Protocolo de Actuación para quienes imparten justicia en casos que involucren derechos de personas con discapacidad" (PDF) (en castelán). Consultado o 2026-11-02.
- ↑ "Real Decreto 1971/1999, de 23 de diciembre, de procedimiento para el reconocimiento, declaración y calificación del grado de minusvalía". Boletín Oficial del Estado (en castelán). Consultado o 2026-11-02.
- ↑ "Real Decreto 888/2022, de 18 de octubre, por el que se regula el procedimiento para el reconocimiento, declaración y calificación del grado de discapacidad". Boletín Oficial del Estado (en castelán). Consultado o 2026-11-02.
- ↑ "Ley 51/2003, de 2 de diciembre, de igualdad de oportunidades, no discriminación y accesibilidad universal de las personas con discapacidad". Boletín Oficial del Estado (en castelán). Consultado o 2026-11-02.
- ↑ "Real Decreto Legislativo 1/2013, de 29 de noviembre, por el que se aprueba el Texto Refundido de la Ley General de derechos de las personas con discapacidad y su inclusión social". Boletín Oficial del Estado (en castelán). Consultado o 2026-11-02.
- ↑ "Ley 26/2011, de 1 de agosto, de adaptación normativa a la Convención Internacional sobre los Derechos de las Personas con Discapacidad". Boletín Oficial del Estado (en castelán). Consultado o 2026-11-02.
- ↑ "Resolución de 18 de febrero de 2019, de la Dirección General de Bellas Artes, por la que se incoa expediente de declaración de las Lenguas de Signos en España como manifestación representativa del Patrimonio Cultural Inmaterial". Boletín Oficial del Estado (en castelán). Consultado o 2026-11-02.
- ↑ "Normas legales". Ministerio de Trabajo y Promoción del Empleo (Perú) (en castelán). 2024-03-04. Consultado o 2026-11-02.
- ↑ "First Extremity Games was first class success". oandp.com. Consultado o March 6, 2013.
- ↑ Tepper, Mitchell S. (2000). "Sexuality and Disability: The Missing Discourse of Pleasure". Sexuality and Disability (en inglés) 18 (4): 283–290. doi:10.1023/A:1005698311392.
- ↑ Sandoval, Ninfa (2023-11-29). "Diez mitos sobre las personas con discapacidad". Fundación Saldarriaga Concha (en castelán). Consultado o 2026-11-02.
- 1 2 3 Alegre de la Rosa, Olga María (2002). "La discapacidad en el cine: propuestas para la acción educativa" (PDF). Comunicar (en castelán) 9 (18): 157–161. doi:10.3916/C18-2002-25.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Discapacidade |