Saltar ao contido

Aparato circulatorio

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Hemocele»)

Aparato circulatorio
Imaxe
 Instancia de
 Subclase de
Características
 Desenvolvemento
 Contén partes da clase
 Caracterizado por
Fontes e ligazóns
Freebase/m/0frx0 Editar o valor en Wikidata
MeSHD002319 Editar o valor en Wikidata
CIE-112079332103 Editar o valor en Wikidata
OpenAlexC72859922, C2993831823, C3019347889, C2776165368, C2985453986 e C2993270971 Editar o valor en Wikidata
BNE: XX525158
Wikidata C:Commons

O aparello circulatorio é a estrutura anatómica que comprende conxuntamente tanto ó sistema cardiovascular que conduce e fai circular o sangue (torrente sanguíneo), como ó sistema linfático que conduce a linfa.

No ser humano o sistema circulatorio está constituído por un fluído chamado sangue, un conxunto de condutos (arterias, veas e capilares) e unha bomba impulsora que é o corazón. O corazón é unha estrutura muscular que se contrae regularmente e mantén o sangue en movemento constante dentro dos vasos sanguíneos. O sangue contén glóbulos vermellos ricos en hemoglobina que transportan o osíxeno ata todas as células do corpo. O sistema linfático, formado polos vasos linfáticos que conducen un líquido chamado linfa dende o espazo intersticial ata o sistema venoso, tamén forma parte do sistema circulatorio.[1]

As persoas e todos os mamíferos dispoñen dun sistema circulatorio dobre: a parte dereita do corazón impulsa o sangue pobre en osíxeno a través da arteria pulmonar cara aos pulmóns para que se oxixene (circulación pulmonar), mentres que a parte esquerda do corazón distribúe o sangue oxixenado ata os tecidos a través da arteria aorta e as súas múltiples ramificacións (circulación sistémica).

Tipos de sistemas circulatorios

[editar | editar a fonte]
Os platelmintos como este Pseudoceros carecen de sistema circulatorio.

A misión principal do sistema circulatorio é facer chegar o osíxeno e os nutrientes a todas as células do corpo. Nos animais moi pequenos este proceso pódese realizar por simple difusión, como ocorre nos poríferos e nos celentéreos, polo que animais como as esponxas e as medusas carecen de sistema circulatorio. Á medida que a evolución foi xerando organismos vivos de maior tamaño, fíxose necesario un sistema para distribuír o osíxeno e os nutrientes por todas as células, con condutos especiais destinados a ese fin, un fluído que realice o transporte, a hemolinfa no caso dos insectos ou o sangue nos vertebrados, e un mecanismo que impulse o fluído. Deste xeito, algúns vasos hipertrofiaron a súa parede para constituír un sistema de bombeo eficaz que finalmente deu lugar ao corazón.[2]

Existen dous tipos de sistemas circulatorios:

Sistema circulatorio pechado: consiste nunha serie de vasos sanguíneos polos que, sen saír deles, viaxa o sangue. O material transportado polo sangue chega ós tecidos a través de difusión. É característico de anélidos, moluscos cefalópodos e vertebrados.

Sistema circulatorio aberto: o sangue bombeado polo corazón viaxa a través de vasos sanguíneos, co que o sangue irriga directamente as células, regresando logo por distintos mecanismos. Este tipo de sistema preséntase nos artrópodos e nos moluscos non cefalópodos. Estes animais teñen un ou varios corazóns, unha rede de vasos sanguíneos e un espazo aberto grande no corpo chamado hemocele. O fluído circula a través de pequenos vasos que verten o seu contido nestas lagunas, que ocupan ao redor do 30 % do volume total do animal, de xeito que o líquido entra en contacto con todas as células e se produce o intercambio de nutrientes; despois, outros vasos recollen o líquido das lagunas e o proceso reiníciase.[3]

A circulación do sangue ou circulación sanguínea describe o percorrido que fai o sangue dende que sae ata que volve ao corazón. A circulación pode ser simple ou dobre:

  • Circulación simple: ocorre cando o sangue forma un só ciclo e no seu percorrido pasa unha soa vez polo corazón. O sangue pasa unha vez polo corazón en cada volta.
  • Circulación sanguínea dobre: o sangue pasa dúas veces polo corazón en cada volta.[4]

A circulación sanguínea tamén se clasifica en:

  • Circulación sanguínea completa: non hai mestura de sangue oxixenado e desoxixenado.
  • Circulación sanguínea incompleta: hai mestura de sangue oxixenado e desoxixenado.

O corazón dos seres humanos e da maioría dos vertebrados máis evolucionados divídese en catro cámaras (tetracameral). Noutros animais só teñen dúas ou tres cámaras, ou mesmo unha soa en forma tubular. Ademais hai animais que teñen máis dun corazón.

Sistema cardiovascular nos humanos

[editar | editar a fonte]
Sistema circulatorio humano, válido para todos os mamíferos: circuíto sistémico (arterias sistémicas en vermello e veas sistémicas en azul) e circuíto pulmonar (arterias pulmonares en vermello e veas pulmonares en azul).

Os compoñentes principais do sistema cardiovascular humano son o corazón, o sangue e os vasos sanguíneos. O corazón ten catro cámaras e o sangue segue dous circuítos diferentes: a circulación pulmonar, que leva o sangue do ventrículo dereito aos pulmóns para que se oxixene, e a circulación sistémica, que leva o sangue oxixenado do ventrículo esquerdo a todos os órganos e tecidos do organismo. Un adulto medio contén aproximadamente cinco litros de sangue, o que representa ao redor do 7 % do seu peso corporal total. O sangue compónse de plasma, glóbulos vermellos, glóbulos brancos e plaquetas. O sangue en circulación percorre o circuíto completo unha media dunha vez por minuto en repouso, e unhas seis veces por minuto durante unha actividade intensa.[5]

Funcións do sistema circulatorio

[editar | editar a fonte]

O sistema circulatorio é sobre todo un sistema de transporte que facilita o desprazamento polo organismo de diferentes substancias, principalmente o osíxeno e os nutrientes.[6] A lista de funcións é moi ampla e inclúe as seguintes:

  • Transportar osíxeno dende os pulmóns aos tecidos e dióxido de carbono dende os tecidos aos pulmóns para a súa eliminación a través do aire espirado.
  • Distribuír os nutrientes a todos os tecidos e células do organismo.
  • Transportar os produtos de desfeito que producen as células ata o ril para que sexan eliminados a través da urina.
  • Transportar substancias ata o fígado para que sexan metabolizadas por este órgano.
  • Distribuír as hormonas que se producen nas glándulas de secreción interna. Grazas ao sistema circulatorio, as substancias hormonais poden actuar en lugares moi afastados do sitio no que foron producidas.
  • Protexer o organismo fronte ás agresións externas de bacterias e virus, facendo circular polo sangue leucocitos e anticorpos.

Vasos sanguíneos

[editar | editar a fonte]
No esquema, un vaso arterial ramifícase para dar orixe aos vasos capilares, que se agrupan para formar un vaso venoso.
Sección transversal dunha arteria humana.

O sangue chega a todos os órganos e tecidos grazas a unha complexa rede de condutos que se chaman vasos sanguíneos. Poden distinguirse as arterias, que transportan o sangue que sae do corazón, e as veas, que fan o percorrido inverso e transportan o sangue que entra no corazón.[7]

As arterias ramifícanse en arteriolas, que son de calibre máis pequeno. As arteriolas dan orixe aos capilares, que son vasos moi finos sen capa muscular, e é neles onde se produce o intercambio de substancias cos tecidos. No camiño de volta ao corazón, o sangue pasa dos capilares a pequenas vénulas que se reúnen para formar as veas.[7]

Sangue e linfa

[editar | editar a fonte]

O sangue é un tipo de tecido conxuntivo fluído especializado, cunha matriz coloidal líquida, unha constitución complexa e unha cor vermella característica. Ten unha fase sólida (elementos figurados), que inclúe os leucocitos (glóbulos brancos), os eritrocitos (glóbulos vermellos) e os trombocitos (plaquetas), e unha fase líquida, representada polo plasma sanguíneo.[6]

A linfa é un líquido transparente que percorre os vasos linfáticos e xeralmente carece de pigmentos. Prodúcese a partir do exceso de líquido que sae dos capilares sanguíneos ao espazo intersticial ou intercelular, e é recollida polos capilares linfáticos, que drenan en vasos linfáticos máis grosos ata converxer en condutos que desembocan nas veas subclavias.

Corazón humano

[editar | editar a fonte]
Fluxo vascular a través das cámaras cardíacas dun corazón humano.
Esquema do corazón humano.

O corazón humano ten o tamaño aproximado dun puño pechado e pesa ao redor de 200-350 gramos. Dispón de catro cavidades, dúas aurículas e dous ventrículos. A aurícula dereita conéctase co ventrículo dereito a través da válvula tricúspide, mentres que a aurícula esquerda se conecta co ventrículo esquerdo mediante a válvula mitral. O corazón sitúase no centro do tórax, por riba do diafragma, entre o pulmón dereito e o esquerdo, e está desviado cara ao lado esquerdo, polo que ao redor das dúas terceiras partes do órgano se localizan no hemitórax esquerdo e só un terzo está ubicado no hemitórax dereito.

O corazón contráese automaticamente cunha frecuencia media en repouso de entre 60 e 80 latidos por minuto. Os latidos cardíacos normais son controlados polo propio corazón.

Para que o corazón funcione é necesario o nódulo sinoauricular, que se atopa na aurícula dereita. Este nódulo dispara aproximadamente cada segundo un impulso nervioso en forma de onda de contracción que fai que as aurículas se contraian; posteriormente, este impulso chega a outro nódulo situado entre as dúas aurículas, chamado nódulo auriculoventricular, inmediatamente por riba dos ventrículos, que ten como función levar o impulso nervioso a través do sistema de condución cardíaco ata os ventrículos para provocar a súa contracción.

O corazón dunha persoa en repouso impulsa aproximadamente cinco litros de sangue por minuto, é dicir, 75 ml por latido. Durante os 70 anos de vida media dun individuo, o seu corazón late unhas 2 600 millóns de veces. Cada latido cardíaco consta dunha contracción ou sístole, seguida dunha relaxación ou diástole. Entre cada latido, o corazón descansa aproximadamente 0,4 segundos.[8]

División en circuítos

[editar | editar a fonte]

No organismo humano hai dous tipos de circulación:

  • Circulación maior, somática ou xeral: o percorrido do sangue comeza no ventrículo esquerdo do corazón, cargado de osíxeno, e esténdese pola arteria aorta e as súas ramas arteriais ata o sistema capilar, onde se forman as veas que conteñen sangue pobre en osíxeno. Desembocan nunha das dúas veas cavas (superior e inferior) que drenan na aurícula dereita do corazón.
  • Circulación menor, pulmonar ou central: o sangue pobre en osíxeno parte desde o ventrículo dereito do corazón pola arteria pulmonar que se bifurca en cadanseu tronco para cada un de ambos pulmóns. Nos capilares alveolares pulmonares o sangue osixénase a través dun proceso coñecido como hematose e recondúcese polas catro veas pulmonares que drenan o sangue rico en osíxeno, na aurícula esquerda do corazón.
  • Circulación portal: é un subtipo da circulación xeral orixinado de veas procedentes dun sistema capilar, que volve formar capilares no fígado, ó final do seu traxecto. Existen dous sistemas porta no corpo humano:
  1. Sistema porta hepático: as veas orixinadas nos capilares do tracto dixestivo desde o estómago ata o recto que transportan os produtos da dixestión, transfórmanse de novo en capilares nos sinusoides hepáticos do fígado, para formar de novo veas que desembocan na circulación sistémica a través das veas suprahepáticas á vea cava inferior.
  2. Sistema porta hipofisario: a arteria hipofisaria superior, procedente da carótide interna, remifícase nunha primeira rede de capilares situados na eminencia media. Destes capilares fórmanse as veas hipofisarias que descenden polo talo hipofisario e orixinan unha segunda rede de capilares na adenohipófise que drenan na vea xugular interna.

Circulación pulmonar

[editar | editar a fonte]

A circulación pulmonar é a parte do sistema cardiovascular na que o sangue pobre en osíxeno é bombeado dende o corazón dereito aos pulmóns a través da arteria pulmonar, e volve oxixenado ao corazón esquerdo a través das veas pulmonares.[7] O sangue pobre en osíxeno parte do ventrículo dereito do corazón pola arteria pulmonar, que se bifurca en dous troncos, un para cada pulmón. Nos capilares situados nos alvéolos pulmonares o sangue oxixénase a través dun proceso coñecido como hematose e recondúcese polas catro veas pulmonares, que dirigen o sangue rico en osíxeno ata a aurícula esquerda do corazón. A circulación pulmonar foi descuberta polo médico e teólogo español Miguel Servet, que a describiu no seu libro Christianismi restitutio I, 5 (1553).[9]

Circulación sistémica

[editar | editar a fonte]

A circulación sistémica é a parte do sistema cardiovascular que transporta o sangue oxixenado dende o ventrículo esquerdo ao resto do corpo a través da arteria aorta e as súas ramas. En termos de distancia, é moito máis longa que a circulación pulmonar. O percorrido do sangue comeza no ventrículo esquerdo do corazón, continúa pola arteria aorta e as súas ramas ata o sistema capilar e, a partir dos capilares, o sangue pobre en osíxeno é conducido por diferentes veas que converxen na vea cava superior e na vea cava inferior, que desembocan na aurícula dereita do corazón.[10]

Circulación pulmonar e sistémica.

Circulación cerebral

[editar | editar a fonte]
O polígono de Willis garante o subministro constante de sangue ao cerebro.

O volume do cerebro humano representa unicamente ao redor do 2 % do total do corpo; con todo, recibe o 16 % do fluxo cardíaco, é dicir, entre 750 e 1250 cm³ de sangue por minuto. A actividade metabólica do cerebro consome gran cantidade de osíxeno e glicosa en 24 horas. O sangue chega ao cerebro a través das dúas arterias carótides internas e as dúas arterias vertebrais, que se unen para formar a arteria basilar. No seu conxunto forman na base do cerebro unha estrutura chamada polígono de Willis, grazas á existencia das arterias comunicantes anteriores e posteriores que unen os diferentes vasos formando un anel vascular. A función principal do polígono de Willis é igualar as presións entre os diferentes vasos que levan sangue ao cerebro, garantir o subministro de sangue a todas as áreas e ofrecer unha ruta alternativa no caso de que se produza a obstrución dunha das ramas.[11]

Circulación renal

[editar | editar a fonte]

O aporte de fluxo sanguíneo aos riles é moi alto, ao redor de 1200 ml/minuto, o que corresponde ao 20 % do volume cardíaco. A circulación renal caracterízase por ter dúas redes capilares. A arteria renal é o vaso sanguíneo que leva o sangue ao ril e ramifícase progresivamente ata dar lugar ás arteriolas aferentes, das que parten os capilares glomerulares. Os capilares glomerulares conflúen nas arteriolas eferentes, das que parten unha segunda rede de capilares, os capilares peritubulares, a partir dos cales se orixinan os vasos venosos que conflúen na vea renal.[12]

Enfermidades do sistema circulatorio

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Enfermidade cardiovascular.
Imaxe dunha arteria normal e outra afectada de arterioesclerose, o que provoca a diminución do fluxo de sangue.

As enfermidades cardiovasculares son todas aquelas que afectan ao sistema cardiovascular, sobre todo ao corazón e aos vasos sanguíneos, e constitúen a primeira causa de morte en todo o mundo.[13] As enfermidades que causan maior número de mortes son a cardiopatía isquémica, incluíndo o infarto agudo de miocardio, a insuficiencia cardíaca e o accidente vascular cerebral. En moitas ocasións a orixe destes trastornos é a arterioesclerose, na cuxa xénese teñen gran importancia os hábitos de vida pouco saudables, incluíndo a falta de exercicio físico, o tabaquismo e a alimentación inadecuada con exceso de azucres e carbohidratos, que xera un nivel alto de glicosa no sangue e conduce á obesidade. Tamén ten gran importancia o control médico dos factores de risco vascular, entre os que se inclúen a hipertensión arterial, a diabetes mellitus e os niveis elevados de colesterol no sangue (hipercolesterolemia).[14]

Circulación nos invertebrados

[editar | editar a fonte]
  • Insectos: o sistema circulatorio é de tipo aberto ou lagunar. O seu cometido principal é o transporte de nutrientes, xa que o osíxeno se difunde por outras vías. O líquido circulante non é sangue senón hemolinfa, o corazón ten forma tubular, atópase en posición dorsal e ten varios orificios laterais que se chaman ostiolos. O corazón bombea a hemolinfa cara ás arterias que desembocan nos espazos lagunares, o camiño de volta cara ao corazón do insecto realízase a través dos ostiolos.[1]
Sección do corpo dun anélido en que é visible o vaso dorsal e ventral que se atopan conectados en cada segmento do animal.
  • Anélidos: dispoñen dun sistema circulatorio pechado que serve tanto para a distribución de osíxeno como de nutrientes. Teñen sangue que contén hemoglobina ou outras moléculas emparentadas como hemeritrina (rosada) ou clorocruorina (verdosa). Existe un vaso principal dorsal que leva o sangue en dirección á parte anterior do animal e outro ventral que segue o camiño inverso. A miñoca por exemplo ten cinco pares de pequenos corazóns que non son máis que curtos segmentos de vasos sanguíneos que teñen a capacidade de contraerse periodicamente para impulsar o sangue.[1]
  • Cefalópodos: tanto os polbos como as luras contan cun sistema circulatorio pechado. O líquido circulante é hemolinfa que se bombea a través dos vasos por un conxunto de tres corazóns, un principal ou sistémico e dous auxiliares, un en cada branquia. A hemolinfa transporta osíxeno grazas ao pigmento hemocianina.[1]

Circulación sanguínea nos vertebrados

[editar | editar a fonte]

Todos os animais vertebrados disponen dun sistema circulatorio pechado especializado que trasporta o sangue dende o corazón aos tecidos e un sistema linfático que desemboca no anterior e transporta a linfa. O sistema circulatorio dos vertebrados está sempre formado por un corazón dotado dun potente músculo que se contrae e relaxa ritmicamente cunha frecuencia variable dependendo da especie e o grao de actividade. Os vasos poden ser veas que transportan o sangue dende os tecidos ao corazón, arterias que conducen o sangue en sentido inverso, é dicir, dende o corazón aos tecidos, e capilares que son uns pequenos vasos en que se une o sistema arterial co venoso.

Nos peixes a circulación é simple, existe un só circuíto e o corazón só ten dúas cámaras: unha aurícula e un ventrículo. Os anfibios presentan un só ventrículo e dúas aurículas, por iso o sangue das dúas aurículas se mestura no ventrículo único (circulación incompleta). Nos réptiles existe un tabique que separa parcialmente o ventrículo en dúas partes, mais que non impide a mestura entre os dous sangues, por iso presentan tamén circulación incompleta. Nas aves e nos mamíferos o corazón ten catro cámaras (tetracameral) e a circulación é dobre e completa, existe un tabique que separa totalmente o ventrículo dereito do esquerdo sen que se mesturen os dous sangues.[15]

Circulación en peixes

[editar | editar a fonte]
Sistema circulatorio nos peixes.

Nos peixes, o corazón atópase en posición ventral, por baixo da farinxe e preto das branquias. A súa disposición é lineal e consta de catro cámaras (seo venoso, aurícula, ventrículo e cono arterial ou aórtico) comunicadas por válvulas que impiden o retroceso do sangue.

A arteria branquial leva o sangue ás branquias para a súa oxigenación. Xa que logo, a circulación nestes animais é simple e completa; é dicir, só existe un circuíto e non haberá mestura de sangues.[16]

Circulación en anfibios

[editar | editar a fonte]
Sistema circulatorio dos anfibios.

Nos primeiros vertebrados pulmonados (anfibios e réptiles non crocodilianos) o corazón está en posición torácica e aparece unha circulación dobre, xa que existe un circuíto menor ou pulmonar, que leva o sangue venosa ós pulmóns e trae de volta ó corazón o sangue arterial desde aqueles, e o circuíto maior ou xeral, que leva o sangue arterial ó resto do corpo e trae de volta o sangue venoso ó corazón.

Nestes animais o corazón ten tres cavidades: dúas aurículas (dereita e esquerda) e un único ventrículo moi musculoso. A aurícula dereita recibe o sangue venoso procedente do resto do corpo, e mándaa ó ventrículo para que este a bombee ós pulmóns a través da arteria pulmonar. A aurícula esquerda recibe o sangue arterial procedente dos pulmóns, mándaa ó ventrículo e este bombéaa ó resto do corpo a través da aorta. Entre as dúas arterias existe un pequeno tubo chamado conduto de Botal. As aurículas contráense de forma sucesiva, polo que a mestura de sangues no ventrículo é escasa. De todos os xeitos, a circulación dobre será incompleta.

Circulación en réptiles

[editar | editar a fonte]
Sistema circulatorio dos réptiles.

Nos réptiles crocodilianos xa existe unha división completa do ventrículo en dous compartimentos (dereito e esquerdo). Xa que logo, o corazón xa é tetracameral e ten dous caxatos aórticos: o esquerdo que sae do ventrículo dereito e leva sangue venoso, e o dereito que sae do ventrículo esquerdo e leva sangue arterial. Prodúcese unha pequenísima mestura de sangue na aorta descendente. Deste xeito, considérase que a circulación é dobre e completa (aínda que non totalmente).

Circulación en aves

[editar | editar a fonte]
Glóbulos vermellos dunha ave.

O sistema circulatorio das aves é pechado, dobre e completo. O corazón consta de catro cavidades, dúas aurículas e dous ventrículos, está cuberto polo saco pericárdico, adherido a algunhas superficies internas para manter o corazón no seu lugar, e o seu funcionamento é similar ao dos mamíferos. Unha diferenza con estes é que os glóbulos vermellos do sangue son elípticos e contan con núcleo.

Circulación en mamíferos

[editar | editar a fonte]

Os mamíferos dispoñen dun sistema circulatorio pechado, dobre e completo. O corazón ten catro cavidades, dúas aurículas e dous ventrículos. Non se mestura o sangue osixenado co non osixenado como ocorre nos réptiles. O modelo de sistema circulatorio humano pode aplicarse a todos os mamíferos.

Ciclo cardíaco

[editar | editar a fonte]

Os capilares son os vasos sanguíneos máis numerosos do corpo. Todas as células do organismo atópanse preto dun vaso capilar de onde tomarán alimentos e oxíxeno e deixarán o dióxido de carbono. Os vasos capilares están conectados a veas pequenas, que se xuntan para formar veas máis grandes. As que devolven o sangue da cabeza e os brazos xúntanse para formar a vea cava superior. O sangue da parte inferior do corpo lévase cara ao corazón pola vea cava inferior.

Ambas as veas cavas, superior e inferior, levan o sangue á aurícula dereita, unha das catro cavidades do corazón. De alí pasa ao ventrículo dereito a través da válvula tricuspide. O ventrículo dereito contráese e empuxa o sangue, a través da válvula pulmonar, cara á arteria pulmonar.

A arteria pulmonar divídese en dúas ramas que levan o sangue cara aos vasos capilares de cada pulmón, onde o oxíxeno entra no sangue e o dióxido de carbono sae dela. Despois, o sangue regresa polas veas pulmonares ata a aurícula esquerda e de alí, pasando pola válvula mitral, chega ao ventrículo esquerdo. Este empuxa o sangue a través da válvula aórtica cara á arteria aorta, que leva o sangue de novo oxixenada a todos os capilares do noso corpo e así complétase o ciclo.[17]

  1. 1 2 3 4 Audesirk, Teresa (2008). Biología: la vida en la tierra (en castelán).
  2. ↑ Barrientos Llosa, Zaidett (2003). Zoología general (en castelán).
  3. ↑ Audesirk, Teresa; Audesirk, Gerald; Byers, Bruce E. Biología: la vida en la tierra (en castelán). p. 550.
  4. ↑ Santana, María Dolores. Prueba de acceso a la universidad para mayores de 25 años. Biología (en castelán). Editorial MAD. p. 126.
  5. ↑ Guyton, Arthur C. Tratado de fisiología médica (en castelán). McGraw-Hill. ISBN 970-10-3599-2.
  6. 1 2 "Sistema circulatorio: qué es y partes". Diccionario médico da Clínica Universidad de Navarra (en castelán). Consultado o 31-10-2026.
  7. 1 2 3 Tortosa i Moreno, Avelina. "Sistema cardiovascular: Anatomía" (PDF) (en castelán).
  8. ↑ "El latido cardíaco". Centro de Información Cardiovascular del Texas Heart Institute (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 05-01-2018. Consultado o 14-11-2016.
  9. ↑ "Miguel Servet. La circulación menor de la sangre, tradución de Daniel Moreno". Krk ediciones (en castelán). 2025. Consultado o 31-10-2026.
  10. ↑ Thews, Gerhard; Mutschler, Ernst. Anatomía, fisiología y patofisiología del hombre (en castelán). p. 229.
  11. ↑ Poveda Fernández, Jonathan (xullo-decembro de 2009). "Anatomía básica cerebral para el cardiólogo intervencionista" (PDF). Revista Costarricense de Cardiología, vol. 11, n.º 2 (en castelán).
  12. ↑ Segarra Espinoza, Edgar Enrique. Fisiología de los aparatos y sistemas (en castelán).
  13. ↑ "Cardiovascular diseases (CVDs)". Organización Mundial da Saúde (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
  14. ↑ Obesidad y riesgo cardiovascular: Estudio DORICA I (en castelán). Editorial Médica Panamericana.
  15. ↑ Morros Sardá, Julia. Ciencias naturales y su didáctica (en castelán). pp. 121–122.
  16. ↑ Hill, Richard W.; Wyse, Gordon A.; Anderson, Margaret (2006). Fisiología animal (en castelán). Ed. Médica Panamericana. p. 744. ISBN 9788479039905.
  17. ↑ Pascuzzi, Dr. Javier. "Ciclo cardiaco". Arquivado dende o orixinal o 18-11-2016. Consultado o 12-11-2016.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]