Saltar ao contido

Alquilo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Grupo metilo CH3, unido a unha cadea de cinco átomos de carbono (pentano), formando o 3-metilpentano.

O grupo funcional alquilo é un substituínte, formado pola separación dun átomo de hidróxeno dun hidrocarburo saturado ou alcano,[1] de modo que o alcano pode enlazarse a outro átomo ou grupo de átomos. O nome alquilo deriva de alcano coa terminación de radical ilo. Cando o grupo forma parte do nome doutro composto denomínase alquil (por exemplo, alquilfenol). Un cicloalquilo é un derivado dun cicloalcano por eliminación dun átomo de hidróxeno dun anel e ten a fórmula xeral CnH2n−1.[2]

Pódese supoñer que un grupo alquilo pode formarse a partir dun alcano, pero estes grupos non existen por separado (se existen por separado serían radicais alquilo), polo que os grupos alquilo son partes de compostos maiores.[3] Aínda que os grupos alquilo sempre se encontran unidos a outro átomo ou grupo de átomos, como no gráfico da dereita, é interesante consideralos como partes que se poden separar porque isto fai máis sinxela a nomenclatura dos compostos orgánicos e a comprensión do mecanismo de certas reaccións como a transmetilación.

Deste xeito, por exemplo, ao separarmos un hidróxeno dunha molécula de metano (CH4) quedaría o grupo alquilo máis simple, o grupo metilo (CH3-), pero este grupo non pode estar illado (cando están illados son radicais metilo CH3, moi reactivos). Son moi frecuentes e aparecen como substituíntes ou unidades estruturais en moitos compostos orgánicos.[4]

Serie homóloga

[editar | editar a fonte]

O grupo metilo forma parte dunha "familia" de substituíntes orgánicos chamados grupos alquilo ou alquílicos, xa que seguen un mesmo patrón: só conteñen átomos de carbono e hidróxeno, unidos por enlace covalente simple na serie homóloga -(CH2)n-H con fórmula molecular CnH2n+1 e ao ser un grupo funcional forman parte dunha molécula maior. Cando un grupo metilo se separa dunha molécula, convértese nun radical metilo.

Se os ordenamos de menor a maior número de átomos de C, os catro primeiros teñen nomes específicos (metilo, etilo, propilo e butilo) mentres que os que seguen só se denominan coa raíz latina segundo o número de carbonos (pent-, hex- etc.) e a terminación -il(o).

Radical Fórmula
simplificada
Fórmula semidesenvolvida
Metilo-CH3-CH3
Etilo-C2H5-CH2-CH3
Propilo-C3H7-CH2-CH2-CH3
Butilo-C4H9-CH2-CH2-CH2-CH3
Pentilo-C5H11-CH2-CH2-CH2-CH2-CH3
Hexilo-C6H13-CH2-CH2-CH2-CH2-CH2-CH3
Heptilo-C7H15-CH2-CH2-CH2-CH2-CH2-CH2-CH3
Octilo-C8H17-CH2-CH2-CH2-CH2-CH2-CH2-CH2-CH3
Nonilo-C9H19-CH2-CH2-CH2-CH2-CH2-CH2-CH2-CH2-CH3
Decilo-C10H21-CH2-CH2-CH2-CH2-CH2-CH2-CH2-CH2-CH2-CH3

Estrutura

[editar | editar a fonte]

Hai que distinguir entre grupos alquilo de cadea recta e de cadea ramificada segundo a xeometría da cadea alquílica, é dicir, a ausencia de ramificacións (como no grupo propilo), ou a presenza destas (no grupo isopropilo).

Segundo que o átomo de hidróxeno supostamente eliminado pertenza a un carbono terminal (carbono primario) ou intermedio (carbono secundario etc.) podemos distinguir entre grupos alquilo primarios, secundarios e terciarios, xa que dito átomo de H que falta definirá o carbono de unión entre o grupo alquilo e o resto da molécula.

Na táboa inferior obsérvanse dous grupos derivados do butano, eliminando o H nun C primario (n-butil) ou secundario (sec-butil); e dous derivados do metilpropano, eliminando o H nun C primario (isopropil) ou terciario (ter-butil).

Grupo alquilo Estrutura Fórmula Cadea e tipo de alquilo Exemplo
Butil ou butilo CH3-CH2-CH2-CH2- Cadea lineal
Alquilo primario
sec-butil CH3-CH-CH2-CH3 Cadea lineal
Alquilo secundario
2-metilpropil
ou isobutil
CH3-CH(CH3)-CH2- Cadea ramificada
Alquilo primario
ter-butil
CH3-C(CH3)-CH3 Cadea ramificada
Alquilo Terciario
Grupo funcional Símbolo Fórmula Estrutura Prefixo Sufixo Exemplo
Grupo metilo Me -CH3 Metilo metil- -metano Metilciclohexano
Grupo etilo Et -CH2CH3 Etilo etil- -etano Etilbenceno
Grupo propilo n-Pr -CH2CH2CH3 Propilo propil- N-propano Ioduro de N-propano
i-Pr -CH(CH3)2 Propilo isopropil- isopropano Isopropanol
Grupo butilo n-Bu -CH2CH2CH2CH3 N-butilo butil- -butano Butilacetato
i-Bu -CH2CH(CH3)2 Isobutilo isobutil- -isobutano Isobutilacetato
s-Bu -CH(CH3)CH2CH3 Sec-butilo sec-butil- _ Sec-butilacetato
t-Bu -C(CH3)3 Ter-butilo ter-butil- _ Ter-butilacetato
Grupo pentilo _ -CH2CH2CH2CH2CH3 Pentilo pentil- -pentano Pentilacetato

A alquilación é unha importante operación nas refinerías de petróleo, por exemplo, para a produción de gasolina de alta octanaxe.

En química medicinal, a incorporación de cadeas de alquilos nalgúns compostos incrementa a súa lipofilia. Isto foi usado, por exemplo, para incrementar a actividade antimicrobiana das flavanonas e chalconas.[5] Hai axentes antineoplásticos alquilantes, que se usan no tratamento do cancro. Neste caso o termo alquilo utilízase cun significado amplo, xa que, por exemplo, as mostazas nitroxenadas son axentes alquilantes máis complexos que unha simple cadea hidrocarbonada.

Radical alquilo

[editar | editar a fonte]
Radical metilo.

Un radical alquilo (antes chamado radical libre alquilo) é unha entidade molecular inestable derivada dun alcano que perdeu un átomo de hidróxeno e quedou cun electrón desapareado ou impar.[6] O radical formado está centrado sobre o átomo de carbono, é dicir, o electrón desapareado está localizado sobre dito átomo, por posuír maior densidade de spin.[7] O electrón desapareado móstrase como un punto nos diagramas ou fórmulas estruturais.

Se dito grupo de átomos se encontra dentro dunha molécula maior e non está formalmente separado dela, chámase grupo alquilo.

Fórmanse por rotura homopolar, xeralmente producida por altas temperaturas (termólise ou pirólise), ou por irradiación con luz ultravioleta (fotólise).

É moi frecuente a súa formación en reaccións radicalarias a partir doutros radicais, como a haloxenación radicalaria que produce haluros de alquilo a partir de alcanos e halóxenos.

Os nomes destes radicais ciclopropanos fórmanse cambiando o sufixo ano do alcano pola terminación ilo ou il.

     CH4  (Metano) – H -> CH3 – Metil (Metilo)
     CH3-CH3 (Etano) – H -> CH3-CH2 – Etil (Etilo)

Reactividade

[editar | editar a fonte]

Os radicais alquilo teñen gran reactividade e a súa vida media é moi curta. Un exemplo é o radical metilo, CH3·, procedente do metano, CH4, cando perde un átomo de hidróxeno, ou da rotura homopolar doutros compostos orgánicos.

Aínda que a súa vida media en estado illado é moi breve, permite explicar o mecanismo de reacción de moitos procesos en química orgánica e bioquímica.

  1. ↑ http://goldbook.iupac.org/A00228.html IUPAC Recommendations 1995: Glossary of class names of organic compounds and reactivity intermediates based on structure. Páx. 1314
  2. ↑ IUPAC, Compendium of Chemical Terminology, 2nd ed. (the "Gold Book") (1997). Online corrected version: (2006–) "cycloalkyl groups".
  3. ↑ Química orgánica. John McMurry. 6ª ed. Cengage Learning Editores, 2005. ISBN 9706863540. Páx. 77
  4. ↑ Química orgánica. Robert Thornton Morrison, Robert Neilson Boyd. 5ª ed. Pearson Educación, 1998. ISBN 9684443404. Páx. 86
  5. ↑ Mallavadhani UV, Sahoo L, Kumar KP, Murty US (2013). "Synthesis and antimicrobial screening of some novel chalcones and flavanones substituted with higher alkyl chains". Medicinal Chemistry Research. doi:10.1007/s00044-013-0876-x.
  6. ↑ Química orgánica. Victor Aldana Galvis, Robert Neilson Boyd. 5ª ed. Pearson Educación, 1998. ISBN 9684443404. Páx. 47
  7. ↑ http://goldbook.iupac.org/A00235.html IUPAC Recommendations 1995: Glossary of class names of organic compounds and reactivity intermediates based on structure. Páx. 1314

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]