Brixton é unha zona do sur de Londres que forma parte do municipio londiniense de Lambeth, en Inglaterra. No London Plan, esta área identifícase como un dos 35 centros principais da Gran Londres.[1] Brixton experimentou un rápido aumento da poboación durante o século XIX, a medida que melloraban as comunicacións co centro de Londres.
Brixton é principalmente unha área residencial, aínda que conta co Brixton Market e cun importante sector comercial.[2] Trátase dunha comunidade multiétnica, cunha gran parte da poboación de ascendencia afrocaribeña.[3] Sitúase dentro do que se coñece como Inner London (Londres interior) e limita con Stockwell, Clapham, Streatham, Camberwell, Tulse Hill, Balham e Herne Hill. O distrito acolle as oficinas centrais da casa do concello do municipio de Lambeth.[4]
Brixton atópase a 4,3 km ao sur-sueste do centro xeográfico de Londres (tomando como referencia un punto próximo á estación de metro de Brixton, na liña Victoria).[5][6]