CHIPSat
| CHIPSat | |||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| Wikidata C:Commons | |||||||||||||
CHIPSat (acrónimo de Cosmic Hot Interstellar Plasma Spectrometer Satellite) foi un observatorio espacial da Universidade de California en Berkeley e da NASA lanzado o 13 de xaneiro de 2003 ás 00:45 UT mediante un foguete Delta II 7320 desde a base Vandenberg da Forza Aérea.[1]
Características
[editar | editar a fonte]CHIPSat foi a primeira misión de demostración tecnolóxica seleccionada polo programa UNEX (University-class Explorer) da NASA co obxectivo de cartografar o fondo difuso do ceo en lonxitudes de onda ultravioleta, entre 90 e 260 ángstroms. Nesas lonxitudes de onda pódese estudar a temperatura dos electróns, a ionización e os mecanismos de arrefriamento da burbulla interestelar local, unha nube de gas quente na que está inmerso o sistema solar e que abarca ata uns 300 anos luz deste.[2][1][3]
Nave
[editar | editar a fonte]O satélite, construído por SpaceDev, pesaba 64 kg e estabilizábase nos tres eixos usando catro volantes de inercia, tres bobinas magnéticas, dous sensores solares, un magnetómetro, un sensor lunar e sensores de xiro para proporcionar unha precisión no apuntado de 2 graos. O satélite usaba o bus BD-II, baseado en aluminio. A potencia eléctrica era proporcionada por células solares montadas no corpo do satélite e capaces de dar ata 106 vatios que alimentaban varias baterías de níquel-cadmio usadas durante os eclipses. O control térmico da nave era pasivo e o sistema de control e comunicacións usaba un só ordenador cunha CPU Motorola Power PC 750. CHIPSat foi o primeiro satélite en usar unicamente TCP/IP e FTP como protocolo de comunicacións co equipo de terra, emitindo en banda S. [2][1][3]
Instrumentación
[editar | editar a fonte]O satélite levaba como único instrumento un espectrómetro ultravioleta de baixo custo e alta sensibilidade denominado CHIPS e que lle deu nome ó satélite. CHIPS é o acrónimo de Cosmic Hot Interstellar Plasma Spectrometer, que significa espectrómetro cósmico de Plasma interestelar quente. O satélite realizaba observacións a través de seis pequenas aperturas no panel traseiro.[3][2]
Estado da misión
[editar | editar a fonte]CHIPSat foi apagado por falta de fondos o 11 de abril de 2008 tras funcionar correctamente durante cinco anos.[3][2]
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 3 NASA (4 de novembro de 2011). "CHIPS" (en inglés). Consultado o 30 de decembro de 2011.
- 1 2 3 4 ESA, ed. (2019). "CHIPSat (CHIPS Satellite)" (en inglés). Consultado o 11 de xaneiro de 2019.
- 1 2 3 4 Gunter Dirk Krebs (2011). Gunter's Space Page, ed. "Explorer: CHIPSat (UNEX 1)" (en inglés). Consultado o 30 de decembro de 2011.