Saltar ao contido

Causa General

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Causa General
 Instancia de
Datas
 Data de comezo
26 de abril de 1940 Editar o valor en Wikidata
 Data de remate
1969 Editar o valor en Wikidata
 Período
Implicados
 Creador/a
 Organizador/a
Localización
 Localización
 País
 Coordenadas
Fontes e ligazóns
 Páxina WEB
Wikidata
Causa General de Manises

A Causa General instruida por el Ministerio Fiscal sobre la dominación roja en España, coñecida de xeito abreviado como Causa General, foi un extenso proceso de investigación impulsado polo ministro de Xustiza franquista, Esteban Bilbao,[1] tras a guerra civil, mediante Decreto de 26 de abril de 1940. O obxecto, segundo o seu preámbulo, era instruír «os feitos delituosos cometidos en todo o territorio nacional durante a dominación vermella». Varias fontes expresaron dúbidas sobre a obxectividade do proceso,[2] que foi encadrado dentro da propaganda franquista,[3][4][5] aínda que ten valor como fonte bibliográfica.[2] Como destacou Daniel Oviedo Silva, a Causa General non só serviu para depurar as responsabilidades do inimigo, senón que tamén funcionou como ferramenta propagandística para fixar un relato sobre os anos republicanos, o conflito e as súas violencias.[a]

O número de vítimas incluídas nela é de 85.940.[6]

Finalidade

[editar | editar a fonte]

Co fin de «reunir probas dos feitos delituosos cometidos en todo o territorio nacional durante a dominación vermella», Franco deu instrucións ao fiscal do Tribunal Supremo mediante un decreto do 26 de abril de 1940, asinado tamén polo ministro de Xustiza Esteban Bilbao, para que iniciase a «Causa General de la Revolución Marxista».[1]

A Causa General [...] atribúe ao Ministerio Fiscal, subordinado ao Ministerio de Xustiza, a honrosa e delicada misión de fixar, mediante un proceso informativo fiel e veraz para coñecemento dos Poderes públicos e en interese da Historia, o sentido, alcance e manifestacións máis destacadas da actividade criminal das forzas subversivas que en 1936 atentaron abertamente contra a existencia e os valores esenciais da Patria, salvada en último extremo, e providencialmente, polo Movemento Liberador.
Nota explicativa, Edición de 1943

O que pretendía en realidade a Causa General era lexitimar o goberno de Franco e xustificar o golpe de xullo de 1936, criminalizando a República e a quen a apoiaron.[1] Neste sentido, segundo Julián Casanova, conseguiu varios obxectivos. Por unha banda, aireou e marcou na memoria de moitas persoas as diferentes manifestacións do «terror vermello» durante a guerra civil. Por outra banda, compensou as familias das vítimas desa violencia e confirmou a división social entre o bando vencedor e o vencido. Porén, sobre todo converteuse no instrumento de delación e persecución de persoas que nada tiñan que ver cos feitos.[7]

Aplicación

[editar | editar a fonte]

Solicitouse información de moi diversas fontes sen excesiva verificación, fundamentalmente delacións. Nese sentido, a Causa General foi un sistema de denuncia legal e un instrumento do estado para estimular a delación.[7] Con esa información elaborouse un enorme expediente composto de miles de cartapacios. Estes serviron para fundamentar as acusacións nos consellos de guerra e nos tribunais especiais.[1]

A Causa General recompilou información sobre as circunstancias e detalles non soamente de abusos e crimes contra persoas e bens cometidos durante a contenda na zona republicana, senón todo tipo de accións emprendidas polas autoridades, forzas armadas e de seguridade e partidarios dos gobernos republicanos e de esquerdas desde a instauración da Segunda República en 1931.[8]

A información rexistrada pola Causa General, cuxa recompilación durou practicamente até a década de 1960, levou á apertura de numerosos procesos xudiciais posteriores contra quen se consideraban responsábeis dos feitos investigados. Con todo, o goberno de Francisco Franco promulgou en 1969 o Decreto-Lei 10/1969, que declaraba prescritos todos os delitos cometidos antes de 1 de abril de 1939,[9] é dicir, o final da Guerra Civil. O devandito Decreto-Lei foi ditado aos 30 anos de acabado o conflito.

A Causa General levouse a cabo baixo a responsabilidade do fiscal xefe da mesma, figura especificamente estabelecida por un decreto de 1943, até o seu traspaso ao Ministerio de Xustiza a partir de 1954. Acumulou unha enorme documentación que se conserva desde 1980 no Arquivo Histórico Nacional en Madrid. O proceso foi empregado tanto como instrumento para a represión dun gran número de opositores, como para os fins propagandísticos do réxime de lexitimar a sublevación en contra do Goberno da República e que desembocou no conflito civil armado.[1]

Arquivo Xeral da guerra civil española en Salamanca.

En setembro de 1980 recibíronse no Arquivo Histórico Nacional, procedentes da Fiscalía Xeral do Estado, preto de 4000 caixas que gardaban documentos correspondentes á Causa General. En 2011 os fondos foron trasladados ao Centro da Memoria Histórica de Salamanca.

O valor da Causa General como fonte histórica

[editar | editar a fonte]

Varias investigacións recorreron aos expedientes da Causa General para realizar indagacións sobre a Segunda República Española e a guerra civil. O historiador Fernando del Rey Reguillo, ao referirse ao período de goberno da Fronte Popular, afirmou que a Causa General tendeu a ser desprezada por prexuízos ideolóxicos ou por ser considerada inabarcábel. Porén, el considera que:

«con independencia da súa finalidade represiva e da súa evidente intencionalidade política, posibelmente sen pretendelo, o franquismo confeccionou de feito unha enquisa sociolóxica que resulta de enorme valor para os historiadores. Con todas as súas limitacións, e sempre coa sedimentación crítica precisa, o cruzamento coa memoria oral e coas restantes fontes dispoñíbeis formadas á calor dos acontecementos demostra que, malia os anos transcorridos na elaboración daquel expediente (entre 6 e 7 anos respecto de 1936), a información ofrecida presenta un alto grao de fiabilidade». Rey Reguillo, 2008, p. 528-529
  1. ↑ "Dadas as circunstancias nas que se crearon ou compilaron estes documentos, moitos puxeron en dúbida a súa utilidade última para avaliar de forma fiable a natureza, o alcance e a autoría da violencia bélica." Oviedo Silva, 2020, p. 95.
Referencias
  1. 1 2 3 4 5 De Riquer, 2010, p. 130
  2. 1 2 Gil Vico, 1998, p. 160.
  3. ↑ Ginard i Féron, 2003, pp. 1-10
  4. ↑ Prieto Borrego, 2000, pp. 527-528
  5. ↑ Gil Vico, 1998, pp. 175-180
  6. ↑ Romero Romero (2009), p. 301
  7. 1 2 Casanova, 2015, p. 67.
  8. ↑ Causa General (PDF) (en castelán). Akrón. 2010. ISBN 9788492814305. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 20 de xuño de 2012.
  9. ↑ Xefatura do Estado (1 de abril de 1969). "Decreto-ley 10/1969, de 31 de marzo, por el que se declara la prescripción de todos los delitos cometidos con anterioridad al 1 de abril de 1939". BOE (en castelán) (78): 4704.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]