June of 44 é unha banda estadounidense de post-hardcore formada en 1994 por exmembros de Rodan, Lungfish, Rex, e Hoover.[1] O nome do grupo foi referencia ao período durante o cal os escritores Henry Miller e Anaïs Nin mantiveron correspondencia.[1]
A banda xirou extensamente, chegando incluso a tocar en Australia. Foi un colectivo de 1994 a 2000, e reuniuse en 2018. O seu estilo ten unha base post-hardcore e math rock, aínda que os seus últimos traballos adentráronse no jazz experimental, ambient dub e post-punk angular.
O seu álbum de estrea, Engine Takes to the Water (1995), foi comparado tanto con Slint como con Will Oldham. Con Tropics and Meridians (1996) comparouse ao grupo con Tortoise e The For Carnation.[2] O batería Doug Scharin iniciou HiM como proxecto paralelo, contando ás veces co baixista Fred Erskine, e Scharin tamén comezou despois a banda de vangarda Out in Worship.[1] Meadows tamén ten un proxecto paralelo, formando Sonora Pine con Tara Jane O'Neill.[1] June of 44 publicou tres álbums máis, incorporando máis influencias da electrónica e do jazz, antes de separarse en 1999, co vocalista e guitarrista Jeff Mueller formando Shipping News e o vocalista Sean Meadows formando Everlasting the Way e despois Letter E.[2] Erskine uniuse a Abilene, mentres que Scharin continuou con HiM e traballou como invitado con varios outros grupos.[1] A banda reuniuse en 2018 e lanzou un novo álbum titulado Revisionist: Adaptations & Future Histories in the Time of Love and Survival en 2020.