O lúpulo ou lupio[1] (Humulus lupulus) é unha planta herbácea perenne e rubideira da familia das cannabáceas que medra en zonas húmidas. As flores macho e femia medran en plantas diferentes, as primeiras son de cor verde clara e as segundas son amerelo verdosas. O seu froito madurece no outono e contén unha substancia, chamada tamén lúpulo, que tradicionalmente se utilizou para darlle sabor e aroma á cervexa.
Aínda que é considerada unha rubideira, non posúee gabiáns nin ningún outro apéndice para este propósito, senón que se serve de rexos talos provistos de ríxidas vilosidades inclinadas cara a abaixo. É unha herbáceaperenne que pode acadar oito metros de altura, con follas palmato-lobuladas de 3 a 5 lóbulos dentados. Sendo unha especie dioica, as flores femininas e masculinas xorden en plantas separadas, as primeiras, de cor verde clara, reúnense en candeas e son usadas como saborizante e axente estabilizador na cervexa, as masculinas, amarelo verdosas, forman panículas. O froito é un aquenio.
Contén aceites esenciais (até un 1%, sobre todo humuleno, mirceno, b–cariofileno e farnesceno) e máis de cen principios doutro tipo, entre eles xeraniol, linolol, citral, linioneno e serolidol; tamén posúe un complexo de resinas agres ( 3-12% ) no que hai ácido valerónico, lumulona e lupulona. O aceite esencial e mais as resinas amargas reciben o nome conxunto de lupulina.
A decadencia do cultivo do lúpulo en Galicia empezou a comezos da década de 1960 e débese a varios factores: dunha banda, a esixencia da Sociedade Anónima de Fomento do Lúpulo de que os produtores lle entregasen o lúpulo xa seco, e non fresco; os sequeiros supuñan un investimento elevado e unha boa parte dos produtores optaron pola supresión dos cultivos. Doutra banda, a mediados da década de 1970 o lúpulo galego sufriu unha viríase que levou á súa práctica extinción no país[4].
No ano 2013 comeza a se recuperar o cultivo do lúpulo na provincia da Coruña de xeito ecolóxico principalmente para fornecer á industria cervexeira galega. Agárdase superar as 30 hectáreas de cultivo.[5]