Saltar ao contido

Parasyte

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Parasyte
 Título
    寄生獣 (ja) Editar o valor en Wikidata
 Instancia de
Características
 Público obxectivo
 Lingua
Implicados
 Autor/a
 Ilustrador/a
Datas
 Data de comezo
1 de agosto de 1989 Editar o valor en Wikidata
 Data de remate
24 de decembro de 1994 Editar o valor en Wikidata
Historia
 Premios e distincións
Cifras e dimensións
 Número de partes
   10 vols. Editar o valor en Wikidata
Localización
 Publicado en
 País de orixe
Fontes e ligazóns
Freebase/m/03bmds Editar o valor en Wikidata
 Páxina WEB
Wikidata

Parasyte (寄生獣 Kiseijū?) é unha serie de manga seinen escrita e ilustrada por Hitoshi Iwaaki. Foi publicada pola editorial Kodansha, primeiro na revista Morning Open Zōkan (1989) e despois na revista mensual Monthly Afternoon (de 1989 a 1994).[1][2] A historia céntrase en Shinichi Izumi, un estudante de instituto que é vítima do intento fallado dun organismo parasito de apoderarse do seu cerebro. O parasito, chamado Migi, infecta en troques o seu brazo dereito, e ambos vense obrigados a formar unha peculiar alianza para loitar contra outros parasitos.

Kodansha recolleu os 64 capítulos da serie en dez volumes tankōbon, publicados entre o 23 de xullo de 1990 e o 23 de marzo de 1995,[2] e foi reeditada en oito volumes kanzenban en 2003. En agosto de 2022 o manga tiña máis de 25 millóns de copias en circulación,[3] o que a converte nunha das series de manga máis vendidas de tódolos tempos. En 1993 recibiu o 17º Premio de Manga Kodansha na categoría xeral,[4] e en 1996 o 27º Premio Seiun ó mellor manga.[5]

Shinichi Izumi é un estudante de 17 anos que vive cos seus pais nun barrio tranquilo de Fukuyama, na prefectura de Hiroshima. Unha noite, uns pequenos alieníxenas vermiformes con cabezas en forma de broca, chamados parasitos, chegan á Terra e apodéranse dos cerebros dos seus hóspedes entrando polos seus oídos ou narinas. Un deles intenta introducirse no nariz de Shinichi mentres durme, pero fracasa ó espertar este, e entra no seu corpo a través do brazo. O parasito apodérase da súa man dereita e recibe o nome de Migi, da palabra xaponesa para «dereita». Como Shinichi conseguiu evitar que Migi chegase ó seu cerebro, ambos conservan os seus intelectos e personalidades separadas. Cando se atopan con outros parasitos, que devoran ós membros da especie que infectan, forman gradualmente un forte vínculo e traballan xuntos para sobrevivir. A serie explora cuestións filosóficas e psicolóxicas como o significado da humanidade, a relación dos seres humanos co medio ambiente e outras especies, o papel do instinto e do amor, e o antropocentrismo da moral.

Adaptacións

[editar | editar a fonte]

O manga foi adaptado a dúas películas de acción real no Xapón, estreadas en 2014 e 2015.[6] Unha serie de televisión de anime producida por Madhouse, titulada Parasyte -the maxim- (寄生獣 セイの格率 Kiseijū Sei no Kakuritsu?), emitiuse no Xapón en Nippon TV entre o 9 de outubro de 2014 e o 26 de marzo de 2015, cun total de 24 episodios.[7] Unha serie surcoreana de acción real, Parasyte: The Grey, dirixida por Yeon Sang-ho, estreouse en Netflix o 5 de abril de 2024.[8] Unha nova serie de acción real, Parasyte: Tamiya, está prevista para 2027 en Netflix.[9]

Un manga derivado, Parasyte Reversi (寄生獣リバーシ Kiseijū Ribāshi?), escrito e ilustrado por Moare Ohta, publicouse na aplicación Comic Days de Kodansha entre o 2 de marzo de 2018 e o 7 de maio de 2021, e recolleuse en oito volumes.[10]

  1. ↑ "寄生獣" (en xaponés). Mangapedia. Consultado o 15 de outubro de 2026.
  2. 1 2 "新装版 寄生獣(1)" (en xaponés). Kodansha. Consultado o 15 de outubro de 2026.
  3. ↑ "寄生獣:韓国ドラマ化 原作と異なる新たな物語 「新感染」ヨン・サンホが監督 Netflixで配信" (en xaponés). Mantan Web. 24 de agosto de 2022. Consultado o 15 de outubro de 2026.
  4. ↑ "歴代の講談社漫画賞" (en xaponés). Kodansha. Consultado o 15 de outubro de 2026.
  5. ↑ "星雲賞リスト" (en xaponés). Premio Seiun. Consultado o 15 de outubro de 2026.
  6. ↑ "Hitoshi Iwaaki's Parasyte Sci-Fi Manga Gets 2 Live-Action Films in 2014-2015" (en inglés). Anime News Network. 19 de novembro de 2013. Consultado o 15 de outubro de 2026.
  7. ↑ "Hitoshi Iwaaki's Parasyte Sci-Fi Manga Also Gets TV Anime" (en inglés). Anime News Network. 19 de novembro de 2013. Consultado o 15 de outubro de 2026.
  8. ↑ "Korean Live-Action Parasyte Series Premieres on April 5 on Netflix" (en inglés). Anime News Network. 27 de febreiro de 2024. Consultado o 15 de outubro de 2026.
  9. ↑ "Parasyte Gets New Parasyte: Tamiya Live-Action Series on Netflix in 2027" (en inglés). Anime News Network. 22 de xullo de 2026. Consultado o 15 de outubro de 2026.
  10. ↑ "Kodansha USA Licenses Parasyte Reversi Manga" (en inglés). Anime News Network. 24 de setembro de 2024. Consultado o 15 de outubro de 2026.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]