Este artigo amosa escritos khmer. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.
Phnom Penh (en khmer:ភ្នំពេញ) é a capital de Camboxa, estado do extremo suroriental de Asia. Amén de ser a maior e máis populosa cidade do país, con máis de 1.200.000 de habitantes, é tamén a capital do concello homónimo. É ademais o máis importante centro político, comercial e cultural da nación.
Coñecida como a Perla de Asia, a cidade é unha das máis apetecidas metas turísticas, o mesmo a nivel nacional como internacional. Phnom Penh é famosa pola súa arquitectura, tanto polo que se refire ao estilo tradicional khmer como pola importada de Francia, e pola cordialidade das súas xentes.
Arredor de 1440, cando Angkor foi abandonada, Phnom Penh tornouse a nova capital debido a que se situaba nunha posición máis defendíbel a respecto das incursións desde o veciño reino de Siam e con maiores perspectivas comerciais pola súa proximidade ao río Mekong.
En 1772 foi arrasada polos tailandeses. Case cen anos logo, en 1863, foi conquistada polos franceses.
No ano 1975 os khmer vermellos, so a xefatura de Pol Pot, aplicaron unha política de "socialismo do gran", deportando todos os habitantes das cidade para os campos e aloxándoos en factorías comúns. Phnom Penh ficou transformada nunha cidade fantasma. Durante o Nadal de 1978 un exército de 200.000 vietnamitas invadiu Camboxa, conquistou Phnom Penh e expulsaron a Pol Pot, xunto cos seus máis fieis, para os bosques dos confíns con Tailandia. Paulatinamente a xente iniciou o retorno para a cidade. Comezou un período de reconstrución, empurrado pola estabilidade de goberno, que puido atraer investimentos estranxeiros e axudas de organismos supranacionais e gobernos de estados diversos, como Francia, Australia ou Xapón, co que as infraestruturas foron revitalizadas.
Os maiores atractivos culturais, e a un tempo turísticos, de Phnom Penh son:
o Pazo Real (Preah Barom Reachea Vaeng Chaktomuk), de 1866, está situado na beira esquerda do río Mekong, no barrio denominado Chaktomuk.
o Pagode de Prata (Wat Preah Keo), un conxunto de edificacións tamén de mediados do XIX, que é a vez o templo real; contén estatuas de Buda enxoiadas, algunhas moi antigas.
o Museo Nacional de Camboia, construído entre 1917-20, durante a época colonial francesa, aínda que en estilo local; está situado nas proximidades do Pazo Real, e contén boas coleccións de arte khmer e outras.
Hai todo tipo de servizos de transporte, incluíndo ferrocarril, e autoestradas que conducen a Tailandia e Vietnam. Hai unha liña ferroviaria Phnom Penh-Battambang, que realiza unha viaxe diaria. O grande porto da cidade, fluvial, ten saída para o Mar da China. Dentro da cidade hai autobuses, taxis e os populares rickshaws, movidos por bicicletas ou motocicletas.