A especie máis espallada é o toxo arnal (Ulex europaeus), que medra en sitios asollados, e solos areentos, acadando unha altura de até 2-3 metros. As flores, chamadas chorimas ou choridas, teñen un forte recendo a coco. Considérase a flor nacional de Galicia. A semente recibe o nome de nabía de toxo.
Ulex gallii, toxo femia, máis espiñento (aínda que as espiñas son un pouco máis pequenas, até 3cm) e baixo que o anterior e probabelmente o máis frecuente de Galicia, xa que ten maiores límites de tolerancia que o toxo bravo, medrando desde os solos húmidos das brañas até os solos máis secos, e dende o nivel do mar até os 1500m.
Ulex minor, toxo gateño ou toxo molar, máis termófilo, e con máis peluxe que os anteriores, con espiñas un pouco máis miúdas (até 2cm). Atópase en todo o territorio agás nas zonas máis mediterráneas.
Ulex micranthus, toxo brañego, termófilo e menos frecuente, sendo endemismo do sur de Galicia e norte de Portugal, tendo o seu límite setentrional na cidade de Pontevedra. É o máis pequeno dos toxos galegos, pois apenas acada os 80cm, as súas espiñas chegan a 1cm e posúe pólas curvas. Tamén chamado Ulex lusitanica, aínda que un nome máis correcto sería Ulex gallaica.
O toxo servía coma alimento do gando, coma estrume e tamén para roxar o forno.
A parte lígnea, moi dura, servía tamén coma combustíbel nas cociñas de leña e nas lareiras. Tamén para facer os caxatos (cos que tamén se xogaba á choca).