O fento fero[1] ou formalmente blechno (Blechnum spicant) é unha especie de fento da familia Blechnaceae.
Existen dúas variedades deste fento en Galiza. Blechnum spicant subsp. spicant, que é a máis estendida e de frondes estériles e fértiles moi diferenciados; e a Blechnum spicant subsp. homophyllum , cuxos frondes estériles e fértiles son máis semellantes e dun tamaño menor a 20cm. Esta última variedade esténdese dende as serra do Xurés e o Baixo Miño até o Eume.
Os fentos presentan alternancia de xeracións, isto quere dicir que no mesmo ciclo de vida pasan por dúas formas, a que produce esporas, chamadas esporófitos, e as que producen gametos, chamadas gametófitos. A xeración que vemos nesta especie é a do esporófito, pois o gametófito é moi miúdo. O esporófito está composto dunha fronde formada por un pecíolo e unha lámina. A lámina pode estar unha ou varias veces dividida. Cada división chámase pinna e as divisións das pinnas chámanse pínnulas.
Fentoperenne rizomatoso, con rizoma oblicuo ou erecto cuberto de escamas. Frondes de 15–50cm persistentes formando fascículos, coma xa dixemos, de dous tipos, fértiles e estériles, con pecíolo moito máis curto ca o limbo unha vez pinnadamente dividido (pinnatífido); os estériles (trofófilos) con divisións (pinnas) oblongas ou linear-oblongas, subagudas; as fértiles (esporófilos) con pinnas máis estreitas, lineares. Esporanxios reunidos en grupos (soros), dispostos en liña a ambos os dous lados do nervio principal das pinnas das frondes fértiles, cubrindo practicamente todo o envés das mesmas, producindo un só tipo de esporas (isospóreos) cubertos dunha membrana linear (indusio) ben desenvolvida.[2]
Eurosiberiano. Bosques de ribeira húmidos e sombrizos. Noiros e cavorcos lamacentos máis ou menos umbros. Bota as esporas dende a primavera até fins do verán. É moi común nos regueiros e ríos en toda Galiza, en zonas húmidas até os 2.000 m. No verán é moi común.
↑Nome vulgar preferido en ‘’Termos Esenciais de Botánica’’ da Comisión de Normalización Lingüística da Escola Politécnica Superior de Lugo - Universidade de Santiago de Compostela, 2002. Non aparece no Dicionario da RAG, xa que non describe os tipos de fentos, pero é un nome documentado noutros diccionarios galegos