Golf
| Golf | |||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| Wikidata G:Commons C:Commons | |||||||||||||

O golf[1] é un deporte de precisión que consiste en introducir unha bóla nos buracos distribuídos ao longo dun campo co menor número de golpes posible. Para cada tipo de golpe emprégase un pau dun conxunto de paus lixeiramente diferentes entre si, xa que a cabeza do pau ten graos distintos, igual que as varas teñen lonxitudes distintas: a menor número de graos, maior lonxitude da vara e, polo tanto, máis distancia. As regras do xogo permiten levar como máximo catorce paus na bolsa.[2]
O golf moderno xurdiu en Escocia no século XV, onde os pastores se entretiñan golpeando croios con paus ata chegar a unha meta, e dende alí estendeuse ao resto do mundo. A nivel profesional, os catro torneos máis prestixiosos do ano, chamados majors, son o Masters de Augusta, o Campionato da PGA, o US Open e o British Open.[3] Despois de máis dun século de ausencia, o golf regresou ao programa dos Xogos Olímpicos en Río de Xaneiro 2016.
Co paso do tempo o golf chegou á aristocracia e á alta burguesía. Desenvolvéronse os paus e as bólas, engadindo diversas bases de metais, para poderen golpear as bólas a maior ou menor distancia e mellorar as súas traxectorias. Tamén xurdiron os primeiros campos de golf e establecéronse regras máis precisas para o xogo. Co incremento das distancias dos golpes mesmo comezaron a usarse vehículos especializados para os desprazamentos, aínda que tamén se usan para achegarse ao punto de partida dos campos dende a recepción se está moi afastada. A meta converteuse nun buraco, no que debía entrar a bóla despois dun número determinado de golpes.
Historia
[editar | editar a fonte]
Aínda que o golf moderno se orixinou en Escocia no século XV, as orixes anteriores do xogo non están claras e son motivo de debate. Algúns historiadores [4] trazan as súas orixes ata o xogo romano da paganica, en que os xogadores empregaban un pau para golpear unha bóla de coiro. Unha teoría afirma que este xogo se expandiu por Europa segundo os romanos conquistaban o continente durante o século I a.C., e finalmente evolucionou ata o deporte moderno. [5]
Outros autores citan o chinés chuiwan (捶丸; "chui" significa golpear e "wan" bóla pequena) [6] como proxenitor, que se xogaba entre os séculos VIII e XIV. [7] Un debuxo da dinastía Ming do artista Youqiu datado en 1369 titulado "Banquete de outono" amosa un membro da corte imperial golpeando co que parece un pau de golf unha bóla co obxecto de introducila nun buraco. Crese que o xogo se introduciu en Europa durante a Idade Media.
Outro xogo primitivo semellante ao golf moderno coñecíase en Inglaterra como cambuca e en Francia como chambot. [8] O xogo persa chovgan é outro posible antepasado, aínda que é máis parecido ao polo.
A primeira referencia escrita ao golf moderno en Escocia é a súa prohibición por Xacobe II en 1457, por supor unha distracción para adestrar o tiro con arco. [9] Xacobe IV levantou a prohibición en 1502 cando se converteu el mesmo en xogador de golf, e os primeiros clubs rexístranse en 1503–1504. [10] As primeiras regras escritas que se conservan son os trece «Articles and Laws in Playing at Golf», redactados en 1744 pola Company of Gentlemen Golfers, futura Honourable Company of Edinburgh Golfers, para unha competición anual nos links de Leith.[11] En 1754 a Society of St Andrews Golfers, que daría orixe a The Royal and Ancient Golf Club of St Andrews, adoptou en St Andrews un código case idéntico, e en 1764 o Old Course de St Andrews pasou de 22 a 18 buracos, número que acabou se convertendo no estándar do xogo. [12] [13] O primeiro Open Championship disputouse en 1860 en Prestwick, e en 1920 a organización do torneo pasou a mans do R&A.[14]
O xogo contou cedo co favor da realeza escocesa: María I de Escocia é considerada a primeira muller golfista coñecida, pois foi acusada de xogar ao golf nos campos de Seton poucos días despois do asasinato do seu marido, Lord Darnley. Fóra de Escocia, o Royal Blackheath Golf Club de Londres é tradicionalmente considerado o club máis antigo de Inglaterra, en 1864 fundouse o Royal North Devon Golf Club, o primeiro campo de links fóra de Escocia, e no continente europeo o primeiro campo trazouse en 1856 na localidade francesa de Pau. [15]
A evolución das bólas marcou tamén o desenvolvemento do deporte. Durante séculos xogouse con bólas de madeira e, dende comezos do século XVII, coa chamada feathery, fabricada comprimindo plumas fervidas dentro dunha cuberta de coiro cosida; o proceso era tan lento que un artesán dificilmente remataba catro bólas nun só día, e por iso custaban ata cinco xilins a unidade. [15] En 1848 comezaron a impoñerse as bólas de gutapercha, máis baratas e resistentes, que axudaron a popularizar o xogo, e a finais do século XIX o estadounidense Coburn Haskell, coa colaboración de Bertram Work, patentou en 1899 unha bóla de núcleo de caucho enrolada con fíos elásticos e cuberta de gutapercha, antecesora directa das bólas modernas. [16] [17]
Nos Estados Unidos o golf organizado datase habitualmente na fundación do St. Andrew's Golf Club de Yonkers, no estado de Nova York, en 1888, promovido polo inmigrante escocés John Reid, coñecido como o «pai do golf americano». [15]
O golf formou parte do programa olímpico dúas veces nos inicios dos xogos, en París 1900 e en St. Louis 1904.[18] Despois de 112 anos de ausencia, o golf volveu aos Xogos Olímpicos nos xogos de Río 2016 [19] e mantívose en Toquio 2020 e París 2024, onde o estadounidense Scottie Scheffler e a neozelandesa Lydia Ko gañaron as medallas de ouro.[20]
Como se xoga
[editar | editar a fonte]O obxectivo do xogo é completar cada buraco co menor número posible de golpes: o xogador sae dende o tee e continúa golpeando a bóla ata introducila no buraco situado no green. Existen dúas modalidades principais de competición: no stroke play, a máis estendida nos torneos profesionais, gaña o xogador que completa todas as roldas no menor número total de golpes, mentres que no match play dous xogadores ou equipos enfróntanse buraco a buraco e gaña quen acada máis buracos.[21]
Para permitir a competición entre xogadores de distinto nivel, o golf emprega o sistema de hándicap, que axusta o resultado en función da habilidade de cada xogador. Dende xaneiro de 2020 o R&A e a USGA aplican en todo o mundo o World Handicap System, un sistema unificado xa adoptado por máis de 124 federacións nacionais.[22]
Á marxe destas dúas modalidades principais, as regras recollen outras formas de xogo individual: no Stableford a puntuación de cada buraco calcúlase por puntos en función dos golpes respecto dun resultado fixado polo comité, e gaña quen suma máis puntos ao final da rolda; no Maximum Score a puntuación de cada buraco ten un tope establecido; e no Par/Bogey cada buraco enfróntase coma un encontro contra o propio campo. [23] Nos xogos por parellas son habituais o foursome, no que os dous compoñentes alternan os golpes sobre unha única bóla, e o four-ball, no que cada xogador xoga a súa propia bóla e conta o mellor resultado da parella en cada buraco. [24] [25]
O golpe fundamental é o chamado swing: o xogador levanta o pau nun movemento arqueado por riba do ombreiro e baixao despois con aceleración para impactar na bóla, procurando combinar dirección e distancia. [15]
Regras do xogo
[editar | editar a fonte]As regras do golf escríbense e interprétanse conxuntamente por dous organismos: o R&A, con sede en St Andrews, e a United States Golf Association (USGA), con sede en Liberty Corner (Nova Jersey); a USGA adminístraas nos Estados Unidos, os seus territorios e México, e o R&A no resto do mundo. [26] A edición vixente entrou en vigor en xaneiro de 2023 e consta de 25 regras, a última delas adicada ás modificacións para xogadores con discapacidade. [27]
Os principios centrais do xogo son xogar o campo tal como se atopa e xogar a bóla tal como cae. As infraccións conlevan penalizacións, que adoitan ser a perda do buraco no match play ou dous golpes adicionais no stroke play. [28] Á beira das regras propiamente ditas, o golf garda un forte compoñente de conduta: espérase que os xogadores actúen con integridade, mostren consideración polos demais e coiden o campo. [28]
O campo de xogo
[editar | editar a fonte]
O golf, a diferenza doutros xogos con bólas ou balóns, non ten un campo de xogo estándar, existindo unha gran variedade de campos que lle dan a este un rol fundamental no desenvolvemento do xogo.
Practícase nun campo de herba natural, ao aire libre. O campo de xogo ocupa unha superficie espazosa e componse de percorridos parciais, chamados comunmente rúas, ao final dos cales hai un buraco (por extensión, cada un destes percorridos parciais denomínanse tamén buraco). Os buracos ordénanse segundo unha numeración que indica a orde de execución dos buracos e lle dá nome a cada un: buraco 1, buraco 2 etc., se ben nalgúns campos de golf aos buracos dáselles tamén outro nome tomado dalgunha das súas características: a dificultade, o deseño etc.
O xogo, ao seu máis alto nivel, xógase nun campo con 18 buracos, aínda que hai campos recreativos cun número inferior de buracos, xeralmente 9. [29] [30] Un campo estándar de 18 buracos mide habitualmente entre 6.500 e 7.000 iardas.[31]
Cada percorrido parcial ou buraco dun campo de golf debe ter un tee de saída, o propio buraco, cun diámetro de 108 mm,[32] e un green arredor do buraco. Hai outras formas estándares de terreo entre o tee e o green, como o fairway (a parte central do percorrido), o rough (zonas de herba alta, xeralmente nos bordos do percorrido), os bunkers (trampas de area) e varias ameazas (rochas, auga, plantas); pero cada buraco é único no seu trazado específico e na súa distribución.
Equipamento
[editar | editar a fonte]
Para golpear a bóla empréganse varios tipos de paus: as maderas (entre elas o driver), de maior lonxitude, para os golpes máis longos; os ferros, para distancias medias e aproximacións ao green; os wedges, para golpes curtos, de precisión ou para saír dos bunkers; e o putter, co que se xoga a bóla polo green ata o buraco. As regras limitan a catorce o número de paus que un xogador pode levar durante unha rolda.[2]
A bóla de golf é pequena e dura, cunha cuberta chea de hofos (dimples); as súas medidas regulamentarias establecen un peso máximo de 45,93 gramos e un diámetro mínimo de 42,67 milímetros.[31][33]
Puntuacións
[editar | editar a fonte]
Na súa modalidade máis estendida, o obxectivo do xogo é facer todo o percorrido no menor número posible de golpes. A puntuación dun xogador de golf adoita expresarse como a diferenza entre o número de golpes do xogador e os que ten asinado o percorrido, chamado par do campo, que é a suma dos pares de cada percorrido parcial. Un buraco nun só golpe chámase buraco nun (ou ace) e prodúcese cando o xogador mete a bóla dun só golpe dende o tee. Outros resultados comúns para os buracos tamén teñen termos específicos con nomes de paxaros en inglés.[34]
| Termo numérico | Nome | Definición |
|---|---|---|
| −4 | Condor | catro golpes baixo par |
| −3 | Albatross ou Double Eagle | tres golpes baixo par |
| −2 | Eagle | dous golpes baixo par |
| −1 | Birdie | un golpe baixo par |
| E | Par | igual có par |
| +1 | Bogey | un golpe sobre par |
| +2 | Dobre bogey | dous golpes sobre o par |
| +3 | Triplo bogey | tres golpes sobre par |
Outra modalidade de puntuación menos estendida é a denominada match play, na que cada xogador ou equipo se anota un punto por cada buraco onde fixera menor número de golpes có rival.
O golf en Galiza
[editar | editar a fonte]
En Galiza o golf está organizado en torno á Federación Galega de Golf, unha entidade privada sen ánimo de lucro que agrupa clubs, deportistas, técnicos e xuíces árbitros da modalidade.[35]
Os campos históricos son catro: Real Aeroclub de Vigo, Real Club de Golf da Coruña, Real Aeroclub de Santiago e Real Club de Golf de la Toja, [36] aínda que na actualidade existen moitos outros, máis de vinte federados repartidos polas catro provincias, sobre todo na zona turística da costa das provincias de Pontevedra e A Coruña e arredor de centros termais do interior, [37] como o Campo de Golf Balneario de Augas Santas ou o Campo de Golf Balneario de Mondariz. O golf comezou a desenvolverse en Galiza nos anos sesenta do século XX, coa creación dos campos do Gran Hotel da Toja, do Aero Club de Santiago e do Club de Golf da Coruña. [38] O club coruñés celebrou a súa primeira xunta xeral de socios o 11 de xullo de 1962, data que figura como a da súa fundación, e elixiu presidente ao empresario e mecenas Pedro Barrié de la Maza; o seu campo instalouse nos montes da Zapateira, nos arredores da cidade. [38] Nas décadas seguintes a modalidade estendeuse pola comunidade, e entre 2000 e 2006 construíronse os campos termais de Mondariz, Guitiriz e Augas Santas, nun modelo que combina o xogo co aloxamento termal. [39] A cidade da Coruña conta ademais co campo municipal da Torre de Hércules, o único campo municipal de Galiza, froito da idea de Severiano Ballesteros de achegar o golf á cidadanía con instalacións públicas; ten nove buracos e máis de dous mil abonados. [40]
Véxase tamén a lista dos campos de golf de Galicia.
Campionatos
[editar | editar a fonte]Majors masculinos
[editar | editar a fonte]Os majors masculinos son os catro campionatos máis prestixiosos do ano. En orde cronolóxica son o Masters de Augusta (abril), o Campionato da PGA, o US Open e o British Open.[3]
O Masters de Augusta, xogado no Augusta National Golf Club de Augusta, Xeorxia, dende o seu inicio en 1934, é o único campionato major que se disputa sempre no mesmo campo.[3] O US Open e o campionato da PGA xóganse en campos dos Estados Unidos, mentres que o British Open, o máis antigo dos catro, se xoga en campos do Reino Unido dende 1860.[14]
O US Open, organizado pola USGA, é o segundo major máis antigo: a primeira edición disputouse en 1895 no Newport Country Club de Rhode Island, con vitoria do inglés Horace Rawlins. [41] O Campionato da PGA naceu en 1916, o mesmo ano da fundación da PGA of America, e a edición inaugural disputouse no Siwanoy Country Club de Bronxville, onde Jim Barnes derrotou na final de match play a Jock Hutchison; o trofeo, doado polo comerciante Rodman Wanamaker, leva o seu nome. [42] O Masters foi o último dos catro en nacer: impulsado por Bobby Jones, a primeira edición disputouse en 1934, con vitoria de Horton Smith. [43] [44]
Majors femininos
[editar | editar a fonte]O golf feminino profesional conta con cinco majors recoñecidos pola LPGA: o Chevron Championship, o US Women's Open, o KPMG Women's PGA Championship, o Evian Championship e o AIG Women's Open.[45]
Tours profesionais
[editar | editar a fonte]O principal circuíto profesional masculino é o PGA Tour, seguido do DP World Tour, o antigo European Tour, renomeado así dende a tempada 2022.[46] O principal circuíto feminino é o LPGA Tour. En 2022 creouse ademais o circuíto LIV Golf, cun formato que combina a competición individual e por equipos e bolsas de premios elevadas.[47]
Copas por equipos
[editar | editar a fonte]A Copa Ryder (masculina) e a Copa Solheim (feminina) enfrontan cada dous anos as seleccións dos Estados Unidos e de Europa. A Ryder é a máis antiga das dúas: xogouse por primeira vez en 1927 no Worcester Country Club de Massachusetts, cun trofeo doado polo comerciante inglés Samuel Ryder, e dende 1979 o equipo de Gran Bretaña e Irlanda deu paso a un equipo de toda Europa;[48][49] a Copa de Presidentes, tamén masculina, enfronta os Estados Unidos cun equipo internacional de xogadores non europeos.[50]
Galardóns
[editar | editar a fonte]Xogadores destacados
[editar | editar a fonte]Varios golfistas marcaron época na historia deste deporte. O afeccionado estadounidense Bobby Jones foi o primeiro en gañar nun mesmo ano, 1930, os catro grandes torneos da época (o Open Championship, o US Open e os campionatos afeccionados británico e estadounidense), a chamada Grand Slam. [51] Jack Nicklaus, alcumado o «Oso de Ouro», é o golfista con máis majors masculinos, dezaoito, [52] e Tiger Woods, con quince, foi o primeiro en gañar os catro majors de xeito consecutivo, entre 2000 e 2001. [53]
O español Severiano Ballesteros gañou cinco majors (o Masters de 1980 e 1983 e o Open de 1979, 1984 e 1988) e 50 torneos do European Tour. [54] Jon Rahm colleu o relevo como campión do US Open de 2021 e do Masters de 2023, o primeiro europeo en gañar eses dous majors. [55]
No golf feminino, as xogadoras con máis majors son as estadounidenses Patty Berg, con 15, Mickey Wright, con 13, e Louise Suggs, con 11, seguidas da sueca Annika Sörenstam, con 10 majors e 72 vitorias no LPGA Tour. [56]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para gol.
- 1 2 The R&A (ed.). "The Player's Equipment". randa.org (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
- 1 2 3 "Masters Tournament". Encyclopædia Britannica (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
- ↑ Brasch, Rudolph (1970). How did sports begin?: A look at the origins of man at play. McKay.
- ↑ "paganica (game) – Britannica Online Encyclopedia". Britannica.com. Consultado o 23 de setembro de 2010.
- ↑ Jacques, Martin (2014). When china rules the world : the end of the western world and the birth of a new global order. Penguin Books. pp. 503–504. ISBN 9781101151457. OCLC 883334381.
- ↑ "Golf (Chui wan) – China culture". Kaleidoscope.cultural-china.com. 25 de setembro de 2009. Arquivado dende o orixinal o 10 de maio de 2013. Consultado o 23 de setembro de 2010.
- ↑ McGrath, Charles; McCormick, David; Garrity, John (2006). The ultimate golf book. Houghton Mifflin Harcourt. p. 13. ISBN 978-0-618-71025-6. Consultado o 4 de maio de 2009.
- ↑ History Of Golf Golf Information.info.
- ↑ Andrew Leibs (2004). Sports and Games of the Renaissance. p. 69. Greenwood Publishing Group
- ↑ "First rules of golf". National Library of Scotland (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
- ↑ Forrest L. Richardson (2002). Routing the Golf Course: The Art & Science That Forms the Golf Journey. p. 46. John Wiley & Sons
- ↑ "Why Are There Eighteen Holes? by Peter N. Lewis". R&A Publications (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
- 1 2 "About". theopen.com (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
- 1 2 3 4 "Golf". Encyclopædia Britannica (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
- ↑ "Feathery, Gutty and Haskell Golf Balls". Scottish Golf History (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
- ↑ "The Country Club Plays Role In Game's History". usga.org (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
- ↑ "Golf: Olympic history, rules, latest updates and upcoming events for the Olympic sport". olympics.com (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
- ↑ "El rugbi VII i el golf, nous esports olímpics". vilaweb.cat. Arquivado dende o orixinal o 28-09-2017. Consultado o 27-09-2017.
- ↑ "Olympic Medallists". International Golf Federation (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
- ↑ The R&A (ed.). "The Competition". randa.org (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
- ↑ The R&A (ed.). "Handicapping". randa.org (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
- ↑ The R&A (ed.). "Other Forms of Individual Stroke Play and Match Play". randa.org (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
- ↑ The R&A (ed.). "Foursomes". randa.org (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
- ↑ The R&A (ed.). "Four-Ball". randa.org (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
- ↑ "Rules of Golf. Effective January 2023" (PDF). The R&A e USGA (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
- ↑ The R&A (ed.). "Modifications for Players with Disabilities". randa.org (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
- 1 2 The R&A (ed.). "The Game, Player Conduct and the Rules". randa.org (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
- ↑ Golf. Encarta. Arquivado dende o orixinal o 1 de novembro de 2009. Consultado o 20 de decembro de 2007.
- ↑ "Hilden Park – 9 Hole Golf Course". hilden-park.co.uk. Arquivado dende o orixinal o 22 de decembro de 2007. Consultado o 20 de decembro de 2007.
- 1 2 "Golf". Encyclopædia Britannica (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
- ↑ United States Golf Association (ed.). "Definitions". usga.org (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
- ↑ The R&A (ed.). "Conformance of Balls". randa.org (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
- ↑ "Golf scoring terms explained: Why birdie, eagle, albatross & bogey are all used". BBC Sport (en inglés). 14-05-2025. Consultado o 31-10-2026.
- ↑ "La Federación". Federación Galega de Golf (en castelán). Consultado o 31-10-2026.
- ↑ "Desafío a cuatro entre la historia del golf gallego". Golf Confidencial (en castelán). 24-03-2017. Consultado o 31-10-2026.
- ↑ "Campos de golf en Galicia". Federación Galega de Golf (en castelán). Consultado o 31-10-2026.
- 1 2 "Los comienzos del Club de Golf de A Coruña". dxtcampeon.elidealgallego.com (en castelán). 21-04-2023. Consultado o 31-10-2026.
- ↑ "The (dis)use of the golf landscape in Galicia through the most significant courses". SocArXiv (en inglés). 13-05-2020. Consultado o 31-10-2026.
- ↑ "Golf para todos en A Coruña". El País (en castelán). 12-10-2009. Consultado o 31-10-2026.
- ↑ "Champions". usopen.com (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
- ↑ "History". pga.org (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
- ↑ "Bobby Jones". Encyclopædia Britannica (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
- ↑ "Past Winners & Results". masters.com (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
- ↑ "2026 women's golf majors: Schedule, locations, venues and dates". Golf Channel (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
- ↑ "European Tour to become the DP World Tour from 2022". DP World Tour (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
- ↑ "LIV Golf Invitational Series Set to Launch in June 2022 with New Formats, Teams, and More Than $250MM in Prize Purses". PR Newswire (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
- ↑ "History". rydercup.com (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
- ↑ "History". solheimcup.com (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
- ↑ "Frequently Asked Questions". presidentscup.com (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
- ↑ "Bobby Jones". Encyclopædia Britannica (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
- ↑ "Jack Nicklaus". Encyclopædia Britannica (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
- ↑ "Tiger Woods". Encyclopædia Britannica (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
- ↑ "Seve Ballesteros". Encyclopædia Britannica (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
- ↑ "Jon Rahm". masters.com (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
- ↑ "Shirley Spork and Annika Sorenstam Will Be Inducted Into The PGA Of America Hall Of Fame". lpga.com (en inglés). Consultado o 31-10-2026.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Vexa a entrada do Galizionario acerca de golf |
| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Golf |