Saltar ao contido

Jacques Cartier

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Modelo:BiografíaJacques Cartier

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento31 de decembro de 1491 Editar o valor en Wikidata
Saint-Malo Editar o valor en Wikidata
Morte24 de setembro de 1557 Editar o valor en Wikidata (65 anos)
Saint-Malo Editar o valor en Wikidata
Causa da mortepeste
Tifo Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaCatedral de Saint-Malo Editar o valor en Wikidata
Gobernador de Nova Francia
24 de xullo de 1534 – 15 de xaneiro de 1541
← sen valor – Jean-François de La Rocque de Roberval (pt) Traducir →
Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónnavegante, inventor, mariñeiro, navegante, explorador, político Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
Rango militaralmirante Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxeMary Catherine des Granches Editar o valor en Wikidata
IrmánsJeanne Cartier Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fontePequeno dicionario enciclopédico de Brockhaus e Efron
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
The Nuttall Encyclopædia >>>:Cartier Editar o valor en Wikidata
Enciclopedia Galega Universal: 95925 BNE: XX1238394 WikiTree: Cartier-814 Find a Grave: 29374454 Editar o valor en Wikidata

Jacques Cartier, nado en Saint-Malo, Bretaña (Francia) o 31 de decembro de 1491 e finado o 1 de setembro de 1557 no mesmo lugar, foi un explorador e navegante francés.[1] Fíxose coñecido polas súas tres viaxes ao Canadá, nas que buscou o Paso do Noroeste, que permitiría unha ruta entre o océano Atlántico e o océano Pacífico polo norte de América. Nestas viaxes converteuse no primeiro explorador do Golfo de San Lourenzo (1534) e descubridor do Río San Lourenzo (1535), cartografando esa costa e denominándoa por primeira vez como Canadá.[1][2][3]

As súas exploracións asentaron as reclamacións francesas sobre o territorio que despois se colonizaría coma Nova Francia, e a súa terceira viaxe produciu o primeiro intento europeo documentado de asentamento en América do Norte dende o de Lucas Vázquez de Ayllón en 1526-1527.[4]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e familia

[editar | editar a fonte]

Fillo de Jamet Cartier e Josselin Jansart, non se coñece moito sobre a súa infancia. Non se conserva a súa partida de bautismo e o Dictionary of Canadian Biography sitúa o seu nacemento probabelmente entre o 7 de xuño e o 23 de decembro de 1491, en Saint-Malo.[1] O seu nome aparece con frecuencia nos rexistros parroquiais malouíns, en actas de bautismo —a miúdo coma padriño— e en xuízos coma testemuña ou xurado, o que testemuña a súa boa posición social na vila.[1]

Casou con Catherine des Granches, filla de Jacques des Granches, cabaleiro do rei e condestábel de Saint-Malo, cara a 1520 —o Dictionary of Canadian Biography sinala o ano 1519—, un matrimonio que mellorou notablemente a súa posición social, pois os des Granches eran unha das familias máis considerables da vila.[5][1] O matrimonio non tivo descendencia e Catherine morreu en abril de 1575.[1]

Carreira mariñeira antes de 1532

[editar | editar a fonte]

Non se coñece con certeza ningún documento sobre a súa carreira de piloto antes da década de 1530.[1] Algúns historiadores cren que antes das súas coñecidas viaxes ao actual Canadá Cartier xa tiña unha ampla experiencia como mariño, participando en expedicións á illa de Terra Nova, zona coñecida por pescadores vascos, galegos e bretóns, e á costa do Brasil en expedicións da frota normanda que partirían de Dieppe. Estas crenzas baséanse en varios indicios, como as constantes comparacións que fai entre os nativos de Nova Francia e os do Brasil, ademais do seu coñecemento do portugués.

Por outro lado tamén se cre que en 1524 participou na expedición que, por encargo de Francisco I, dirixiu o mariño italiano Giovanni da Verrazzano; esta sería a primeira misión europea que explorou a costa atlántica de América do Norte dende Carolina do Sur ata Nova Escocia e Terra Nova. A tese, defendida polo historiador Gustave Lanctot, baséase nas ausencias de Cartier de Saint-Malo coincidentes coas viaxes do florentino e nunha afirmación do xesuíta Pierre Biard en 1614, mais o Dictionary of Canadian Biography apunta varias obxeccións: Cartier nunca alude a Verrazzano nos seus relatos, nin o seu nome aparece na toponimia verrazzaniana, polo que a hipótese permanece sen probar.[1]

En 1532 o bispo de Saint-Malo, Jean Le Veneur, tamén abade do Mont-Saint-Michel, presentou a Cartier ao rei de Francia Francisco I cando lle propuxo enviar unha expedición ao Novo Mundo, cualificándoo coma un mariño experimentado que xa estivera no Brasil e en Terra Nova, "capaz de dirixir as naves ao descubrimento de novas terras no Novo Mundo".[1]

Primeira viaxe (1534)

[editar | editar a fonte]
Ruta da primeira viaxe de Cartier.

No ano 1534 o rei de Francia encomendoulle o mando dunha expedición co propósito de atopar o Paso do Noroeste, que permitiría navegar entre o océano Atlántico e o Pacífico polo norte de América e establecer unha ruta comercial con Asia. Unha orde real de marzo dese ano precisa o obxectivo: "descubrir certas illas e terras onde se di que hai gran cantidade de ouro e outras cousas preciosas".[1] Partiu de Saint-Malo o 20 de abril de 1534 ao mando de dous barcos e sesenta e un homes, tardando vinte días en chegar a Terra Nova.[4]

O 10 de maio fondeou nas costas de Terra Nova, no porto de Santa Catalina, e bordeou a illa en dirección norte ata o estreito de Belle Isle, polo que accedeu ao Golfo de San Lourenzo. Na costa norte do golfo atopou un gran barco de A Rochela que se perdera tras unha campaña de pesca do bacallau, e axudouno a orientarse nun lugar que chamaron «Havre Jacques-Cartier».[1] Nesas costas foi poñendo nomes franceses aos accidentes xeográficos e erixiu a súa primeira cruz no «Havre Saint-Servan». O 12 ou 13 de xuño avistou os primeiros nativos, cazadores de focas chegados do interior, identificados por algúns autores coma beothuks, pobo hoxe extinguido.[1] Da costa norte dixo con desprezo que era "a terra que Deus lle deu a Caín".[1] Seguindo despois a costa occidental de Terra Nova, pasou fronte ao actual estreito de Cabot sen advertir que era unha canle navegábel, e descubriu as Illas da Madalena —que tomou polo comezo do continente— e a Illa do Príncipe Eduardo, sen decatarse de que era unha illa. Explorou despois as baías do sur buscando sen éxito un paso cara a Asia: á punta sur da baía de Chaleurs chamouna «Cap d'Espérance», "polo agoiro que tiñamos de achar alí un estreito", e do 4 ao 9 de xullo investigouna sistematicamente ata concluír que alí non había paso ningún.[1]

Na baía de Chaleurs comerciou con nativos, probabelmente micmacs, e o 14 de xullo entrou na baía de Gaspé, onde atopou iroqueses do San Lourenzo baixados alí para a pesca anual. O 24 de xullo erixiu unha cruz de 10 metros de altura coas armas de Francia e as palabras viva o rei de Francia na punta de Penouille, tomando posesión do territorio en nome da coroa francesa.[1][4] O xefe nativo Donnacona protestou e, tras un comezo tirante no que os franceses retiveron a súa embarcación, Cartier obteve permiso para levar a Francia dous dos seus fillos, Domagaya e Taignoagny, coa promesa de devolvelos, para que lle servisen un día de intérpretes.[1]

Cruzou despois fronte á illa de Anticosti, que tomou por unha península, sen decatarse de que preto alí se abría a desembocadura do gran río que buscaba. Do 1 ao 5 de agosto intentou averiguar se se achaba nunha baía ou nunha vía fluvial e, co mal tempo, decidiu retirarse. Tras atopar montagnais na punta de Natashquan, puxo rumbo a Terra Nova e o 15 de agosto comezou a viaxe de regreso. Volveu a Saint-Malo o 5 de setembro de 1534.[1] Cartier fora o primeiro en dar a volta completa ao golfo, cartografándoo, e o 30 de outubro recibiu unha nova comisión para completar o seu descubrimento, cun achegamento de 3.000 libras do rei.[1]

Segunda viaxe (1535/36)

[editar | editar a fonte]
Ruta da segunda viaxe de Cartier.

A súa segunda expedición tivo comezo o 19 de maio de 1535 e constaba de 110 homes e de tres navíos, a Grande Hermine (120 toneladas) baixo o seu mando directo, a Petite Hermine (60 toneladas) ao mando do seu cuñado Macé Jalobert e o Émérillon (40 toneladas) ao mando de Guillaume Le Breton.[1] Na empresa embarcaron numerosos parentes de Cartier e da súa muller, coma o seu sobriño Étienne Noël, e varios cabaleiros. Nesta expedición tamén viaxaban os dous nativos fillos do xefe iroqués reféns da primeira viaxe, que agora xa falaban francés, mais aínda non estaban bautizados.[1]

A travesía oceánica durou cincuenta días e os barcos foron separados polas tormentas, reuníndose outra vez as tres naves no estreito de Belle Isle. Detívose nunha baía á que chamou Saint-Laurent, nome que pronto se estendeu ao golfo e despois ao río.[1] Co consello dos dous nativos conseguiron chegar á desembocadura do Río San Lourenzo e, remontándoo, decatáronse de que navegaban por un río cando a auga se volveu doce.[1] O 7 de setembro chegaron á aldea iroquesa de Stadacona, onde Cartier se reuniu de novo co xefe Donnacona, liberando os seus fillos. Donnacona intentou disuadilos de remontar o río, pois quería asegurarse o monopolio do comercio, mais Cartier non cedeu.[1]

Cartier deixou os dous barcos maiores nun porto natural do río e seguiu remontándoo con corenta homes a bordo do Émérillon; a pesar de non seguir máis alá do lago Saint-Pierre a causa do calado e os rápidos que presentaba o río nesa zona, bautizou esa zona como Lachine, ao pensar que ese río era o Paso do Noroeste e que os rápidos eran o único que o separaba da China, nome que aínda conservan tanto os rápidos coma a cidade que existe nesa localización. No traxecto, a uns 200 quilómetros río arriba de Stadacona, o 2 de outubro de 1535 chegou a un gran asentamento nativo, Hochelaga, aos pés dun outeiro que chamou monte Royal, que co tempo sería a localización da cidade de Montreal.[4]

Jacques Cartier visitando a aldea de Hochelaga en outubro de 1535.

A vila de Hochelaga estaba fortificada cunha palisada circular cunha soa porta, cunhas cincuenta casas comunais, rodeada de terras de cultivo de millo.[1] Os nativos recibiron os franceses con ledicia, nun acollimento con aires de cerimonia relixiosa, e presentáronlles os seus enfermos para que os curasen; Cartier leulles o evanxeo segundo san Xoán e a Paixón de Cristo. O xefe da vila explicoulles que se podía seguir remontando o río cara ao oeste e que doutro curso de auga, o río Ottawa, se chegaba a un país rico en ouro, prata e cobre.[1]

Tras algún día en Hochelaga, Cartier volveu a Stadacona o 11 de outubro preparándose para pasar o inverno alí. Levantaron para tal efecto o forte de Santa Cruz, campamento que sería a orixe da cidade de Quebec. Salvo algún desacordo menor as relacións cos nativos foron boas e non desembocaron en actos violentos. Nese inverno Cartier confeccionou unha especie de dicionario xeográfico e etnográfico da zona e foi a primeira persoa que deixou información sobre a relixión e os costumes dos indíxenas do val do San Lourenzo, coma o uso do tabaco, cultivado e secado no verán e despois pulverizado e fumado. A rede de vías fluviais comezaba a tomar forma na súa mente: o río Richelieu, que viñera da "Florida"; o San Lourenzo, navegábel durante tres meses; e, ao norte de Hochelaga, un río —o Ottawa— que levaba a grandes lagos e a un "mar de auga doce", vías fluviais que probaban que a barreira continental era moito máis ancha do que se cría.[1]

O inverno foi tremendamente duro pese aos preparativos: os barcos franceses permaneceron atrapados no xeo dende mediados de novembro a mediados de abril do ano seguinte e a neve en terra superou o metro de espesor. Todo isto foi agravado polo feito de que tanto iroqueses coma franceses sufriron o escorbuto, que apareceu en decembro: cara a mediados de febreiro só dez dos 110 homes de Cartier estaban sans e ao final morreron vinte e cinco.[1][4] Cartier e os seus homes foron en procesión a rezar ante unha imaxe da Virxe e prometeron unha peregrinación a Rocamadour. Un tratamento nativo permitiu a 85 dos 110 europeos sobrevivir á enfermidade: Cartier soubo polos nativos o remedio, unha infusión de annedda (cedro branco), e aplicouno aos seus homes, que se curaron axiña.[1]

O 3 de maio Cartier, que sabía que o xefe rival Agona aspiraba ao poder, aproveitou unha cerimonia relixiosa para capturar o xefe Donnacona, os seus dous fillos e outros sete iroqueses, para que contaran na corte francesa as historias que circulaban sobre terras ricas en ouro e outros tesouros, o Reino de Saguenay, e apaciguou os nativos coa promesa de devolver o seu xefe en dez ou doce meses.[1] O 6 de maio puxo rumbo a Francia; porén Cartier tivo que deixar atrás a Petite Hermine, ao non ter xa tripulación para ela. Nesta ocasión saíu da desembocadura do Río San Lourenzo comprobando que as Illas da Madalena eran illas e descubrindo o paso entre Terra Nova e o cabo Breton que non advertira en 1534. Chegaron a Saint-Malo o 16 de xullo de 1536, tras catorce meses de ausencia.[1]

Ao regresar, Cartier presentou un informe a Francisco I no que falaba dun río de 800 leguas de lonxitude que podería conducir a Asia, co testemuño engadido de Donnacona; o rei, entusiasmado, regaloulle a Grande Hermine.[1][4] A guerra entre Francisco I e o emperador Carlos V atrasou, con todo, a organización dunha nova expedición, que ademais tiña agora o obxectivo de afianzar o título francés sobre aquelas terras fronte ás reclamacións de España.[4][1]

Terceira viaxe (1541/42)

[editar | editar a fonte]

Durante a súa estancia en París o xefe Donnacona difundiu información sobre o suposto Reino de Saguenay, ben porque sabía que era o que querían escoitar os franceses ou ben realmente por confusión ou en referencia a lendas sobre o asentamento viquingo de Vinland. Estas historias de grandes xacementos de ouro e xemas aumentaron o interese da coroa francesa no novo continente. O 17 de outubro de 1540 o rei deu a Cartier a comisión para unha terceira viaxe, nomeándoo capitán xeral cunha expedición que incluía uns cincuenta homes que estaba autorizado a sacar dos cárceres.[1] Porén, desta non formarían parte ningún dos iroqueses tomados como reféns: Donnacona morreu en 1539, ao igual que varios iroqueses e outros casaron pero ningún volveu á súa terra.

Malia a comisión inicial para Cartier, o 15 de xaneiro de 1541 unha decisión real cambiouno todo: Jean-François de la Rocque de Roberval, amigo persoal do rei destacado nas disputas relixiosas contra os hugonotes, foi nomeado lugartenente xeral, xefe e capitán da empresa, e Cartier quedou como o seu subalterno. Os obxectivos, unha vez esquecido o paso do Noroeste, eran colonizar a zona e difundir a fe católica.[1][4]

Jean-François de la Roque de Roberval.

A expedición dividiuse en dous grupos: Cartier, que fixo testamento o 19 de maio, partiría primeiro con cinco barcos mentres Jean-François de la Rocque armaba o resto da frota. Un espía español cifrou a tripulación en 1.500 homes. Así Cartier partiu de Saint-Malo o 23 de maio de 1541, chegando a Stadacona o 23 de agosto.[1] Pese a que o recibimento foi cálido, malia o anuncio da morte de Donnacona, as relacións cos nativos deterioráronse, polo que decidiu instalar o asentamento río arriba, na confluencia do río San Lourenzo co río Cap-Rouge, na actualidade Cap-Rouge (Quebec). Os colonos, na súa maior parte reos liberados para tal fin, asentáronse, fortificando a colonia e construíndo outro forte nun acantilado próximo para maior protección. O asentamento bautizouse coma Charlesbourg-Royal.[4] Alí atoparon cedro branco e pedras que creron diamantes, polo que o lugar se coñeceu coma Cap aux Diamants, ademais de "certas follas de ouro fino".[1]

O 2 de setembro Cartier despachou dous barcos a Francia cun informe e o 7 de setembro partiu nunha expedición de recoñecemento na busca do Reino de Saguenay, deixando o asentamento ao mando do vizconde de Beaupré. No camiño saudou o seu amigo o xefe de Achelacy e confioulle dous mozos para que aprendesen a lingua, os dous primeiros europeos en ser alumnos dos nativos. Porén non puido pasar de Hochelaga a causa do mal tempo e, sen intérpretes, non avanzou no coñecemento do interior. Durante este tempo foi acumulando o que el cría que era mineral de ouro e diamantes a través do comercio cos nativos.[1]

Á súa volta a Charlesbourg-Royal Cartier atopou unha situación lamentábel: a relación cos iroqueses xa non era amigábel e no canto de intercambios comerciais había actos hostís —segundo varios testemuños, os nativos mantiñan o asentamento sitiado e presumían de ter matado máis de 35 franceses—, polo que, a pesar de contar co remedio para o escorbuto, a situación era insostíbel e, consciente de que non tiña forzas suficientes nin para manter o asentamento nin para atopar o Reino de Saguenay, decidiu regresar a Francia, levantando o campamento en xuño de 1542.[1]

Na viaxe de volta cruzouse con Roberval e o resto da expedición no porto de St. John's, en Terra Nova; este ordenoulle regresar ao San Lourenzo, mais Cartier fíxose á mar durante a noite e seguiu camiño de Francia convencido de que nas súas bodegas levaba unha fortuna en ouro e diamantes.[4] Analizados en Francia, os minerais resultaron ser só pirita e cuarzo, sen valor, desengano que deu orixe ao proverbio "falso coma os diamantes do Canadá".[1] Roberval tomou o mando da colonia pero abandonouna en 1543 a causa das enfermidades, o clima e a hostilidade dos nativos. Cartier non volveu recibir ningunha comisión da coroa e na primavera de 1544 tivo que render contas das da expedición ante un tribunal especial, do que saíu acreditado coma fiel administrador dos diñeiros do rei e de Roberval, dos que lle foron restituídas unhas 9.000 libras.[1][4]

Retiro e morte

[editar | editar a fonte]
Lousa funeraria de Cartier na catedral de Saint-Vincent de Saint-Malo.

Unha vez fracasada a súa empresa retirouse á súa residencia, o manoir de Limoëlou en Rothéneuf, preto de Saint-Malo, onde se dedicou aos seus negocios. En 1545 recibiu o franciscano André Thevet, a quen deu ampla información sobre o Canadá. Os documentos da época cualifícano de "nobre home", propio da burguesía acomodada.[1] Morreu en Saint-Malo o 1 de setembro de 1557, mentres a peste asolaba a vila dende comezos do verán, e foi sepultado na catedral de Saint-Vincent.[4] Foi un sobriño seu, Jacques Noël, quen tratou de continuar a súa obra.[1]

As Relations

[editar | editar a fonte]

Non se conserva ningún manuscrito orixinal dos relatos das viaxes de Cartier, nin se coñece con certeza o seu autor: para o relato da segunda viaxe propúxose coma autor a Jehan Poullet, un mariño que navegou con Cartier, mais a cuestión segue aberta.[1] O relato da segunda viaxe publicouse en París xa en 1545, de forma anónima e mencionando o nome de Cartier unha soa vez no texto.[1]

O relato da primeira viaxe publicouse inicialmente en italiano por Giovanni Battista Ramusio en 1565, despois en inglés por John Florio en 1580 e finalmente en francés por Raphaël du Petit-Val en 1598, texto este último que empregou Marc Lescarbot na súa Histoire de la Nouvelle-France.[1] Do relato da terceira viaxe só se conserva unha versión inglesa incompleta compilada por Richard Hakluyt en 1600 a partir dun documento que atopara en París cara a 1583, hoxe perdido.[1] Na Biblioteca Nacional de Francia consérvanse tres manuscritos do relato da segunda viaxe —o 5589, o mellor conservado; o 5644, defectuoso; e o 5653, publicado no Quebec en 1843—, todos eles copias dun orixinal perdido. Os textos dos tres relatos de Cartier e o de Roberval reuníronse por primeira vez nun volume publicado no Quebec en 1843, e en 1924 Henry Percival Biggar fixo o estudo crítico dos textos.[1]

Os barcos de Cartier

[editar | editar a fonte]

Na primeira viaxe de 1534 Cartier navegou con dous barcos e sesenta e un homes. Na segunda expedición (1535-1536) empregou tres navíos: a Grande Hermine (120 toneladas), a Petite Hermine (60 toneladas) e o Émérillon (40 toneladas).[1] A Petite Hermine foi abandonada na primavera de 1536 no río Saint-Charles por falta de tripulación; en 1842 críase ter atopado os seus restos, dos que unha parte se depositou na Sociedade Literaria e Histórica do Quebec e outra se enviou a Saint-Malo, aínda que nunca se probou que fosen os do navío de Cartier.[1] Na terceira viaxe (1541-1542) partiu con cinco barcos, entre eles a Grande Hermine e o Émérillon.[1]

Cartier no Codex canadensis, de Louis Nicolas (c. 1675-1682).

Cartier foi o primeiro en documentar o nome Canadá para designar o territorio ás beiras do río San Lourenzo. O nome deriva da palabra hurón-iroquesa kanata, "aldea" ou "pobo": en 1535 os dous mozos nativos que o guiaban faláronlle do camiño a kanata, referíndose á aldea de Stadacona, e Cartier, a falta doutro nome, empregou a palabra para a aldea, as terras do seu xefe Donnacona e o propio río, que chamou «rivière du Canada», nome usado ata comezos do século XVII. Xa en 1547 os mapas designaban como Canada todo o territorio ao norte do río San Lourenzo.[3][4]

Aínda que non foi estritamente o descubridor europeo do actual Canadá —as terras do leste xa foran visitadas polos viquingos e por pescadores vascos, galegos e bretóns, e quizais polos irmáns Corte-Real e por Xoán Caboto—, Cartier foi o primeiro europeo en penetrar no continente pola rexión oriental do interior ao longo do San Lourenzo, e as súas exploracións consolidaron as reclamacións francesas do territorio.[4] Nas palabras do historiador Marcel Trudel, "foi o primeiro en facer un levantamento das costas do golfo do San Lourenzo, en describir a vida dos indíxenas do nordés de América do Norte e —o seu maior mérito— descubriu en 1535 o río San Lourenzo, que sería o eixe do imperio francés en América".[1] O propio Trudel precisa que Cartier foi o descubridor do Canadá do século XVI —a rexión que vai aproximadamente dende a illa de Orléans ata Portneuf— e do Canadá do réxime francés, mais que o descubrimento do país na súa forma actual débese en boa medida a Xoán Caboto.[1] Britannica matiza, pola súa banda, que a súa fama descansa na exploración do río ata o límite da navegación e que os seus tratos traizoeiros cos iroqueses e o abandono de Roberval restan algo da súa figura.[4]

O lugar histórico nacional Cartier-Brébeuf, no corazón da cidade do Quebec, conmemora o inverno de 1535-1536 que Cartier e os seus homes pasaron no forte de Sainte-Croix, á beira do río Saint-Charles, xunto a Stadacona.[6]

Redescubrimento de Charlesbourg-Royal

[editar | editar a fonte]

En 2005, durante uns traballos de inventario arqueolóxico no promontorio de Cap-Rouge, puxéronse ao descuberto vestixios da colonia que Cartier e Roberval instalara en 1541. A identificación do lugar baseouse en fragmentos de fanza italiana, restos de cerámica e dúas series de datación por carbono-14, e o anuncio fíxose público o 18 de agosto de 2006.[7] Foi aclamado coma un dos achados arqueolóxicos máis importantes das últimas décadas no Quebec: trátase do primeiro establecemento francés en América do Norte. As escavacións dirixidas pola Commission de la capitale nationale entre 2007 e 2010 recuperaron uns 6.000 artefactos e vestixios datados entre 1541 e 1543, que deron lugar á exposición La colonie retrouvée no Museo da América Francófona.[8]

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 13 14 15 16 17 18 19 20 21 22 23 24 25 26 27 28 29 30 31 32 33 34 35 36 37 38 39 40 41 42 43 44 45 46 47 48 49 50 51 52 "Biografía de Jacques Cartier". Dictionary of Canadian Biography (en inglés e francés). Consultado o 26 de decembro do 2015.
  2. ↑ Jacques Cartier pensaba que estaba en Asia. A palabra «canada» deriva da voz «Kanata», un termo iroqués que se usaba na rexión para designar a aldea iroquesa de Stadacona, e que significaría na súa lingua «grupo de chozas», «pobo» ou «aldea».
  3. 1 2 "Origin of the name "Canada"". Goberno do Canadá (en inglés). Consultado o 1 de novembro de 2026.
  4. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 13 14 15 W. J. Eccles. "Jacques Cartier". Encyclopaedia Britannica (en inglés). Consultado o 1 de novembro de 2026.
  5. ↑ Alan Axelrod (2011). A Savage Empire: Trappers, Traders, Tribes, and the Wars That Made America (en inglés). p. 30.
  6. ↑ "History - Cartier-Brébeuf National Historic Site". Parques Canadá (en inglés). Consultado o 1 de novembro de 2026.
  7. ↑ "Sur les traces de Jacques Cartier". Radio-Canada (en francés). 19 de agosto de 2006. Consultado o 1 de novembro de 2026.
  8. ↑ "Site archéologique Cartier-Roberval". Commission de la capitale nationale du Québec (en francés). Consultado o 1 de novembro de 2026.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]